A profesora da USC Raquel Rodríguez, elixida como nova decana de Enfermaría por unanimidade

Raquel Rodríguez foi elixida por unanimidade

Raquel Rodríguez foi elixida por unanimidade / Santi Alvite

A Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago (USC) estrea nova decana, a profesora Raquel Rodríguez González, que resultou elixida por unanimidade nos últimos comicios celebrados. A profesora Rodríguez centrará o mandato que agora se inicia na mellora das infraestruturas e na implementación do novo plan de estudos do grao en Enfermaría, “que supón unha importante actualización dos contidos e competencias dos futuros profesionais”, explicou.

Revisar e mellorar o sistema de xestión da calidade do centro será outro dos horizontes que persegue a profesora Rodríguez xunto co aumento da internacionalización dos títulos, “incrementando o número de estudantes tanto saíntes como entrantes, así como os destinos ofertados”, engade.

A decana Raquel Rodríguez tamén subliñou o seu desexo de contribuír á mellora da imaxe social da profesión enfermeira e a súa identidade propia, “visibilizando as súas competencias nos eidos docente, investigador, asistencial e xestor”.

TEMAS