Filoloxía reivindica o legado do Seminario de Estudos Galegos no pasado e agora

Unha xornada analiza na facultade o estado actual das disciplinas que constituíron as seccións

O reitor, Antonio López, e Elías Torres, de pé, en Filoloxía/santi alvite

O reitor, Antonio López, e Elías Torres, de pé, en Filoloxía/santi alvite / k.m.

A xornada de investigación As disciplinas do Seminario de Estudos Galegos onte e hoxe profundou este luns no significado desta institución na Facultade de Filoloxía da USC, nun encontro organizado con motivo da celebración do centenario da fundación do SEG, institución cultural fundada o 12 de outubro de 1923. Unha actividade que estivo organizada en colaboración coa Asemblea de Investigadoras e que botou a andar cun acto inaugural presidido polo reitor da Universidade compostelá, Antonio López.

“O Seminario de Estudos Galegos pretendía atender diversos campos do saber que non eran obxecto de estudo como materia galega na universidade, tanto dende o punto de vista investigador como formativo e divulgador”, explicaron dende a organización nun comunicado.

“Con este evento pretendemos alcanzar o mesmo obxectivo e avaliar o estado actual das disciplinas que constituíron as diferentes seccións que integraron o SEG dende a mirada do estudantado de doutoramento da Universidade de Santiago”, engadiron.

As súas conclusións principais poden verse xa nun conxunto de vídeos dispoñibles na canle de Youtube da institución universitaria. Esta actividade enmárcase no conxunto de eventos que terán lugar na devandita facultade este semestre para celebrar o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.

Esta iniciativa de Filoloxía súmase á homenaxe que a USC está a render aos integrantes do SEG a través dunha programación ampla e diversa. Así, a mostra divulgativa Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos permanecerá na Facultade de Química ata o día 15 deste mes.

Trátase dunha exposición itinerante que tamén pasará polas facultades de Dereito, Filoloxía, Xeografía e Historia, Ciencias Económicas e Empresariais, Formación do Profesorado, Veterinaria e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), e que servirá de contexto para a primeira vaga de Faíscas Culturais coas que este outono a USC quere prender a reflexión cultural e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades nas aulas que se sitúen na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística.

En concreto, a Faísca da Facultade de Filoloxía terá lugar o 9 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Alejandra Ulla, Elías Torres, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra abordarán o papel do Seminario de Estudos Galegos, a filoloxía e as letras galegas e a relación con Portugal.