O PP demanda unha solución para a pronunciada pendente que ten a rúa Escultor Asorey

Denuncia a falta de servizos básicos que soportan os residentes do barrio santiagués

Adrián Villa, dereita, cos veciños do barrio da Almáciga

Adrián Villa, dereita, cos veciños do barrio da Almáciga / REDACCIÓN

Redacción

O concelleiro popular Adrián Villa denunciou o estado de “abandono” do barrio da Almáciga tras comprobar de primeira man as deficiencias que están a padecer os veciños e veciñas desta zona, que, como indican, “levan anos sufrindo un importante abandono por parte do Concello”.

O edil, xunto á veciñanza, puido comprobar que o barrio “aínda non conta con colectores de reciclaxe”; que non se están a realizar tarefas de limpeza viaria e que as árbores “están a piques de entrar polas fiestras dos edificios”, o que está a provocar “perda de visibilidade e sucidade nas propias vivendas”. Villa tamén recolleu dous históricas demandas. A urxente actuación na rúa Escultor Asorey, por mor da gran pendente que ten e, por outra banda, a limpeza e adaptación da rúa da Caramoniña, que é empregada diariamente para ir ao casco histórico ou Ensanche non teñen garantida a súa seguridade, tanto polo estado do firme como pola presenza de maleza, o que pode provocar caídas a peóns e usuarios.

En canto á rúa da Costiña do Monte, lamentou que se teña convertido nun “aparcamento disuasorio mal organizado”, no que conviven prazas de residentes e non residentes sobre un adoquinado en mal estado, que impide distinguir as cores do chan que delimitan a tipoloxía de aparcamento.

“A veciñanza tamén se queixa do estado dos muros e a falta de limpeza dos sumidoiros, que, cando cheguen as primeiras choivas, a auga podería anegar ás vivendas que se atopan preto da confluencia coa rúa do Rosario”, incidiu.

Adrián Villa tamén recibiu as queixas en relación ás rúas de Betanzos e do Pino, vías de dobre sentido e cun único carril de circulación, que soportan, ademais dos coches que acoden ao Colexio Santiago Apóstolo, un considerable aumento do tráfico e, sobre todo, de altas velocidades por parte dos condutores que tentan escapar dos caos circulatorio provocado polo corte da rúa da Pastoriza.

En relación ao anterior asunto, o concelleiro popular subliñou que “estas son as consecuencias da falta de planificación e previsión do Goberno do BNG que, por mor dunhas obras, cortaron Pastoriza sen buscar alternativas de circulación, o que está a provocar un grave prexuízo a calquera que teña que transitar cun vehículo por esta zona”.

Finalmente, Villa deu conta doutra “eterna queixa”, como é a opción de contar cun autobús que suba ata a rúa de Touro, para que as persoas maiores ou con mobilidade reducida que viven no barrio poidan desprazarse a outros puntos da cidade. Algo que, a día de hoxe, resulta moi complicado, dados os grandes desniveis que existen nesta zona da cidade.