Aitor Bouza: na procura dun PSdeG con “caras novas pero tamén con experiencia e solvencia”

O exlíder das Xuventudes Socialistas de Compostela encabezou a única candidatura presentada para dirixir o PSOE de Santiago

Aitor Bouza, novo secretario xeral do PSOE de Santiago

Aitor Bouza, novo secretario xeral do PSOE de Santiago / Jesús Prieto

Os resultados das eleccións municipais do pasado 28 de maio deixaron o PSdeG (Partido Socialista de Galicia) local con tan só seis edís, os mesmos que acadou o BNG (Bloque Nacionalista Galego) e moi por debaixo do Partido Popular. Uns resultados que provocaron a dimisión do exalcalde Xosé Sánchez Bugallo e do seu número dous, Xaquín Fernández Leiceaga, que facía referencia a que había que deixar lugar á xente máis nova. Esta pasada semana, ese relevo xeracional fíxose efectivo coa única candidatura para representar os socialistas composteláns, a de Aitor Bouza, exlíder das xuventudes do PSdeG e agora cabeza visible e sucesor de Xosé Sánchez Bugallo.

En conversa con EL CORREO GALLEGO, Bouza afirma afrontar esta nova etapa “con moita ilusión e humildade, vai ser un reto con moitísima responsabilidade, o PSdeG de Compostela vén de ser un referente para a cidadanía durante moito tempo”. Unha responsabilidade para a que se vai arroupar cun “novo equipo con caras novas pero tamén con experiencia e solvencia” porque “queremos ser un partido de referencia para a cidadanía” de Compostela.

Aitor Bouza defende a xestión de Sánchez Bugallo, “a cidadanía queda co legado de Sánchez Bugallo como alcalde, ninguén pode mirar atrás sen pensar no legado do PSdeG en Compostela e tamén de Bugallo” pero máis alá de “mirar” pola veciñanza, Aitor Bouza tamén quere apostar “por toda a militancia, queremos trasladar que o PSdeG está de volta e procuramos que a cidadanía se sinta implicada, queremos un proxecto que os integre, a todos os veciños, as portas están abertas para formar parte deste proxecto”.

Unha mensaxe en clave interna e externa porque o proxecto que quere levar a cabo Bouza “non é individual, toda a militancia e a cidadanía poderá participar no momento no que queira, estamos a disposición de todos eles”. E unha das primeiras medidas que Bouza quere poñer a andar é a de abrir a sede do partido, “para que calquera cidadá se achegue á nosa casa do pobo para realizar as consultas e as propostas que considere”.

Unhas propostas e proxectos que “logo co tempo iremos trasladando”, afirma o novo líder do PSdeG de Santiago. Coa ollada posta no tecido asociativo, Aitor Bouza móstrase receptivo a recibir a todas “as persoas que nos queiran dar a súa visión, que nos queiran escoitar e facer partícipes, queremos empaparnos das cuestións que lle interesan á cidadanía e trasladalas nas institucións nas que ao mellor non estamos pero defenderemos, máis alá de Santiago”. Porque o propósito da nova dirección dos socialistas é o de ser “o altofalante da veciñanza de Compostela para defender os seus intereses”.

Sobre posibles cambios nas filas socialistas, en vista das dúas faccións que hai na organización municipal, Aitor Bouza defende que “os concelleiros que representan ao PSdeG en Compostela están a facer un traballo encomiable” e afirma que non se trata de facer cambios senón de “recuperar a vida do partido, rexenerar a súa vida interna porque unha vez que hai unha dimisión é o que corresponde con total normalidade e tranquilidade”.

Coa meta de rexenerar o partido, Bouza afirma que o seu equipo vai “defender con coherencia o xa mantido, as propostas que xa se fixeron como partido, grandes proxectos de cidade, propostas serias e solventes que se defenderon ata hai nada como goberno municipal”. “Non temos previstos cambios, o nomeamento que se fixo do voceiro foi por consenso, por unanimidade, incluso a candidatura foi coordinada pola xestora e o grupo municipal, as cousas que se falan e funcionan non hai por que cambialas”, sentenza Aitor Bouzas en referencia ao voceiro municipal socialista Gonzalo Muíños. O líder do PSdeG defende que non van renunciar “ao que levamos defendendo dende hai tempo porque consideramos que son os mellores proxectos, pero traballaremos para chegar a acordos, que haxa gobernabilidade, construír da man do que escoitemos do tecido social e da veciñanza”.

Bouza defende que o Partido Socialista, tanto a nivel local, provincial e autonómico como estatal “vai facendo unha evolución nos seus plantexamentos da man da cidadanía”, e asegura que “non vai ser menos aínda que fagamos oposición, somos o partido máis responsable para levar a cabo aquelas cuestións que lle importan á cidadanía”.

Os retos do novo líder

Máis alá de conxugar as dúas faccións do Partido Socialista compostelán, Aitor Bouza ten por diante unha dirección da súa organización que deberá decantarse pola área “progresista” de Raxoi, representada polo goberno bipartito de BNG e Compostela Aberta, ou pola beira conservadora, representada polo Partido Popular liderado por Borja Verea, que tacha o equipo de goberno de “turismofóbico”.

A taxa turística e as VUT (Vivendas de Uso Turístico) son dúas cuestións chave no modelo de cidade que quere ser Santiago, e aí o papel dos socialistas será fundamental. Ao igual que o futuro da Casa da Xuventude que divide o conxunto das forzas con representación en Raxoi e mesmo ao propio goberno. Partidarios de demolela son o BNG de Goretti Sanmartín e o Partido Popular de Borja Verea, mentres tanto os socialistas como Compostela Aberta optan por mantela en pé, aínda que difiren nos usos que deben dárselle a ese espazo. As reivindicacións do goberno local diante da Xunta de Galicia, como pode ser a contía que percibe como capital de Galicia ou o aparcamento do Complexo Hospitalario Universitario son outras cuestións de importancia a nivel municipal para as que o goberno en minoría precisará o apoio dos socialistas.