Rosón acusa a Verea de “desleal” na súa postura ante o parking do CHUS

O PSOE critica que o PP local se posicione do lado da Xunta no reclamo de 4,3 millóns ao Concello e en contra “dos contribuíntes”

A edil Mercedes Rosón denuncia “deslealdade” por parte de Borja Verea

A edil Mercedes Rosón denuncia “deslealdade” por parte de Borja Verea / A.T.

Continúa a lea entre as forzas políticas municipais polas súas diferentes actitudes ante a solicitude da Xunta dun investimento de 4,3 millóns de euros ao Concello para a ampliación do aparcamento do Hospital Clínico (CHUS). Así, ás críticas do portavoz socialista, Gonzalo Muíños, dos pasados días, que afeaba á Xunta que investise “nunha senda ciclista que ninguén pediu” e non no parking do CHUS, sumábase onte a tamén edil socialista Mercedes Rosón, que acusaba a Borja Verea (PP) de “deslealdade cos contribuíntes de Santiago” ao poñerse do lado do seu partido e non da cidade.

“A actitude do señor Verea é dunha completa falta de lealdade cos contribuíntes de Santiago”, denunciaba Rosón, ao poñerse do lado da administración autonómica, “en lugar de demandar que sexa o goberno galego quen financie a construción dun aparcadoiro nunha parcela que é da Xunta”.

Explicaba a edil socialista que o aparcadoiro daría servizo aos “450.000 galegos e galegas que son usuarios do CHUS” e non “aos veciños de Santiago que son a minoría”, xa que supoñen tan só o 22% da área sanitaria á que da servizo o Clínico. “O que fai o señor Verea é poñerse en contra da cidade para respaldar o seu partido”, denunciaba Rosón, xa que o portavoz ‘popular’ “defende que o Concello actúe cos fondos que achegan os veciños de Santiago, ante a deixadez da Xunta”.

Ante esa “deslealdade”, Mercedes Rosón recordáballe a Borja Verea que “foi elixido para representar á veciñanza de Santiago e defender os seus intereses, non para seguir funcionando de portavoz da Xunta de Galicia do Partido Popular”.

Situación de bloqueo

Dende a xuntanza do pasado martes entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os conselleiros de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e Sanidade, Julio García Comesaña, nada se avanzou nas negociacións para a ampliación do aparcamento do Hospital Clínico, máis ben ao contrario, o que se sucederon logo de que a Xunta solicitase ao Concello a suma de 4,3 millóns de euros de achega para esta obra foron unha serie de declaracións radicalmente en contra ou a favor da solicitude da Xunta.

Mentres Sanmartín insiste en ofertar unha parcela de máis de 400 prazas para solucionar provisionalmente o problema de estacionamento, a Xunta négase e o Concello reclámalle que é a administración autonómica quen debe facerse cargo, por ser unha obra que afecta á área sanitaria e non só ao municipio.

Unha cuestión na que coinciden os socialistas composteláns, que lembran tamén que a parcela do aparcamento do CHUS “é titularidade da Xunta”. E que rexeitan os populares que, entre outras cuestións, levaban no seu programa electoral un proxecto de aparcamento similiar ao proposto pola Xunta.