Os socialistas explican ás entidades deportivas as axudas da deputación

Antonio Leira participou no encontro con representantes dos diferentes clubes da cidade, aos que lles resolveu as súas dúbidas

Representantes de entidades deportivas de Santiago na reunión co PSOE

Representantes de entidades deportivas de Santiago na reunión co PSOE / k.m.

Os socialistas composteláns organizaron recentemente un encontro con representantes das diferentes entidades deportivas coas que conta a capital galega, co obxectivo de achegarlles as opcións da nova convocatoria de axudas deportivas impulsada pola Deputación Provincial da Coruña. Un encontro no que os participantes tiveron ocasión de expoñer as súas dúbidas e coñecer de primeira man os trámites a seguir.

Á reunión organizada polo PSOE de Santiago asistiron membros de preto dunha trintena de clubes deportivos de toda a cidade, unha cita na que participou tamén o deputado provincial responsable desta materia, Antonio Leira, quen destacou durante a súa intervención ante os alí presentes o compromiso por parte da institución á que representa co deporte en xeral, e co de base moi en particular.

“Queremos ser útiles á veciñanza e ás entidades sociais, e esta é unha forma máis de facelo”, consideou pola súa parte Aitor Bouza, secretario xeral dos socialistas na capital galega e que tamén falou neste encontro.

O líder do PSOE compostelán subliñou que esta cita foi “unha primeira toma de contacto do sector deportivo da cidade”.

Neste sentido, Aitor Bouza anunciou que o seu partido ten previsto impulsar en datas moi próximas unha próxima rolda de contacto con cada unha das entidades existentes na cidade para “coñecer de primeira man a situación” actual e cales son as necesidades específicas coas que se atopa o deporte en Santiago.