Reiterada situación de colapso no CHUS: "Onte acumuláronse ata 24 pacientes graves nos corredores"

A Asociación de Usuarios e Pacientes do Hospital Clínico sinala que "os responsables sanitarios carecen so `sentidiño´ que se pide aos pacientes usuarios das urxencias

Pacientes nos corredores das urxencias do CHUS agardando a ser atendidos

Cedida

Redacción

A Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS denuncia de novo este sábado a reiterada situación de colapso que sofren as urxencias en Santiago e a deficiente atención que reciben as personas que necesitan acudir a este servizo, pois nalgúns casos teñen que agardar horas, cando non xornadas enteiras, nos corredores das instalacións.

Según afirma este colectivo, este venres día 15 de decembro ás 17:00 horas 22 pacientes graves estaban colocados nos corredores de acceso e arredores en padiolas e cadeiras de rodas agardando a ser atendidos por algún médico. Mentres estas persoas esperaban nos corredores, 38 pacientes co ingreso en planta asinado estaban ocupando as zonas de traballo. Ás 18:00 horas os pacientes graves nos corredores eran 24 e a unha da madrugada de hoxe día 16 seguían sendo 20. A Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS, nun comunicado enviado aos medios de comunicación este sábado, sinala que os servizos de urxencias mantéñense permanente colapsados porque a xerencia non axiliza nin da prioridade a apertura de camas para os pacientes pendentes de ingreso.

Asimismo, a asociación fai alusión aos datos publicados pola xerencia nas últimas 24 horas que mostran que no servizo foron atendidas 549 persoas e o nivel de ocupación das camas tan só acadou o 50 por 100, mantendo pechadas 73 camas do hospital Gil Casares, unha situación que califican como "gravemente alarmante por canto con estes niveis de demanda o colapso deixa de ser un incidente que se resolvía ao longo de 24 horas para converterse nunha circunstancia de duración incerta e ante o cal os responsables sanitarios permanecen impasibles".