A residencia de Volta do Castro completa a súa transformación dixital, a primeira en Galicia

Os conselleiros de Política social e Facenda destacan que o novo sistema avanza “na mellora da calidade da asistencia”

Os conselleiros Miguel Corgo e Fabiola García durante a súa visita á residencia de Volta do Castro

Os conselleiros Miguel Corgo e Fabiola García durante a súa visita á residencia de Volta do Castro / Xunta

A residencia pública autonómica de Volta do Castro foi a primeira en completar a transformación tecnolóxica que a Xunta está a implantar no ámbito sociosanitario, segundo explicou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que visitou o centro acompañada polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Fabiola García fixo referencia durante a visita que o Goberno autonómico iniciou no ano 2021 a transformación dixital dos centros públicos autonómicos para poñer a tecnoloxía “ao servizo dos usuarios e dos traballadores e levar as residencias galegas á vangarda no ámbito dos coidados”. Entre as melloras implantadas até o de agora, segundo informa a propia Xunta, atópanse os monitores multiparamétricos que miden os datos de saúde dos usuarios para poder establecer alertas e pautas individualizadas para cada un.

Así mesmo, creáronse habitacións intelixentes con pantallas táctiles e sensores que permiten a mellora da comunicación entre usuarios e persoal e facer así un seguemento de parámetros como a temperatura, a humidade ou detectar posibles caídas dos usuarios. Tamén se instalaron sistemas de rehabilitación virtual para mellorar as capacidades físicas e cognitivas dos usuarios e deste xeito coñecer mellor a súa evolución. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou na residencia de Volta do Castro que todo este sistema tecnolóxico “supón un avance moi importante para a mellora da calidade de vida e da asistencia ás persoas residentes” e indicou que o proxecto suma inversións de arredor dos sete millóns de euros. Estas actuacións enmárcanse nun nuevo modelo de atención que se estenderá tamén ao fogar intelixente para a promoción da autonomía persoal.

Miguel Corgos recordou que para a Xunta o obxectivo prioritario da transformación dixital e do uso das tecnoloxías é o de “mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas e poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas”. 

Outra das novidades destes centros en proceso de transformación tecnolóxica, ademais, é que neste momento contan con sistemas que melloran o fluxo da información entre o ámbito social e o sanitario “grazas á implantación da Historia Clínica Electrónica e da creación do Cenres, un censo de residentes no que se aglutina toda a súa información social e sanitaria.

Dixitalizar as historias clínicas

En agosto deste ano a área Sanitaria de Santiago e Barbanza anunciaba a súa intención de culminar un proceso de modernización que lle vai permitir converter en dixital nada menos que 19 quilómetros lineais de historias clínicas, que aínda se conservan en papel nos diferentes hospitais e centros de saúde que compoñen a área sanitaria. Unha tarefa que conta cun orzamento de de 1,4 millóns de euros ampliables a 1,9 no caso de que se prorrogue o prazo de dixitalización, que de partida ten unha duración de tres anos.