Coro da Ra, tres décadas sumando voces e públicos

A agrupación vocal celebra os seus 30 anos cun concerto no Auditorio de Galicia ás 19.30 horas

Ensaio do Coro da Ra no Conservatorio Profesional de Música de Santiago

Ana Triñáns / Antonio Hernández / Javier Rosende Novo

Corría o ano 1993 en Compostela, Ano Santo, e naquel relanzamento xacobeo protagonizado por Pelegrín nalgunhas rúas compostelás había un misterioso cartel cunha imaxe dunha banda de músicos afroamericanos que dicía: “Queres cantar coma os negros?”. O responsable desa acción era Ramón Bermejo, profesor de canto e coro, que acababa de chegar ao seu Santiago natal, logo de estudar e traballar en Barcelona. Quería montar un coro que interpretase temas de jazz, soul, góspel.

Nacía así o Coro da Ra (A Ra Coro de Cor, na orixe) que agora cumpre 30 anos. Unha cifra de importante envergadura que se festexa por todo o alto ás 19.30 horas desta tarde no Auditorio de Galicia (as entradas son a 15 euros). O Coro da Ra e a súa banda agasallan o público da cidade cun espectáculo de música vocal no que realizan un percorrido por temas xa coñecidos, como o a propia A ra, de Caetano Veloso ou Vento sardo de Jorge Drexler e Marisa Monte, pero tamén con temas de rigorosa estrea para esta celebración.

Ramón Bermejo chegaba daquela de 13 anos vivindo en Barcelona, onde cursou estudos no Conservatorio Municipal de Música, entre 1982 e 1986, e tamén no Taller de Músics. De volta en Santiago, naquel 1993, e logo da súa convocatoria a “cantar coma os negros”, á que acudiron entre 20 e 25 persoas, botaba a andar un Coro da Ra que se estreaba diante do público por estas datas, ofrecendo un concerto de Nadal na Casa do Patín. Un ano máis tarde, o coro estaba xa na Sala Nasa, nunha mítica 'Ultranoite a capella'.

O coro mantén ensaios semanais e fan eles mesmo os arranxos dos temas

O coro mantén ensaios semanais e fan eles mesmo os arranxos dos temas / Antonio Hernández

O formación constituíuse como o primeira en toda Galicia con este tipo de repertorio (jazz, soul, bossa nova, góspel...) e nestes 30 anos, ademais de ser inspiración para outras agrupacións vocais, pasaron por el máis de 300 cantantes, na actualidade son máis de 40, e non só composteláns ou galegos, tamén australianos, checos, letóns, alemáns, catalás, vascos... Mantendo unha especie de cota anual de estudantes estranxeiros que chegaban á Universidade de Santiago, coñecían o Coro da Ra e pasaban a integralo: A Ra Erasmus.

Concertos comando

Nos anos 2000, a agrupación vocal botouse á rúa cos 'Concertos comando', cantos nas rúas e prazas da cidade histórica, sen avisar, coma de improviso, só Ramón Bermejo, instigador da iniciativa, e os integrantes do coro sabían onde ía ter lugar a acción musical. Cóntalle a EL CORREO Santi Frutos, un dos primeiros integrantes daquel A Ra Coro de Cor que “Ramón simplemente nos dicía onde tiñamos que estar e a que hora, chegabamos por exemplo á Quintana, cantabamos unhas cancións e ao rematar sinxelamente cada un ía polo seu lado, ata o seguinte lugar e hora no que estivésemos convocados”. 

Os ‘Concertos comando’ foron medradon, e aló polos 2010 viviron a súa época de maior esplendor, en boa medida grazas á iniciativa dun dos seus integrantes, o actor Simone Negrín, turinés afincando durante anos en Compostela que lle imprimiu a estas accións de rúa unha compoñente máis teatral.

Conta Frutos que unha das primeiras accións estivo vencellada a un vídeo que lles encargaran facer para promocionar unha bebida, “Simone buscou vestiario e papeis para nós, eu ía vestido de cura” e así comezaron a cantar e xirar pola cidade histórica, cada un cunha caracterización diferente. Aínda que probablemente o ‘Concerto comando’ máis mítico, ou un deles, xa que nisto coincide Bermejo con Frutos, foi o que se realizou, novamente coa ‘produción’ de Negrín, polas rúas do Franco até chegar á praza de Fonseca.

Unha das iniciativas que popularizou o coro foron os 'Concertos comando' nos 2000

Unha das iniciativas que popularizou o coro foron os 'Concertos comando' nos 2000 / Antonio Hernández

O músico Mon Orencio ía, a xeito de gurú ‘captando’ integrantes do Coro da Ra mesturados entre os paseantes, e nunha sorte de conexión mística, éstes ían sumándose ás cancións que entonaba Orencio. Novamente, tamén, disfrados os membros do coro, canda dun xeito. “Eu ía de enfermo”, lembra Santi Frutos, “vestido cun pixama do Sergas e cunhas muletas, coas que me unín ao séquito cando me chegou a quenda e nun momento dado solteinas, como se unirme á xente que cantaba me curase por milagre”. “A xente viña detrás de nós, e cando chegamos a Fonseca, había moitísimas persoas”.

A día de hoxe, o coro é un pouquiño menos 'teatreiro' pero tamén está máis profesionalizado, sempre con arranxos propios, ou de músicos galegos como Fran Pérez Narf ou Pepe Sendón. Como agrupación cultural que é, o Coro da Ra finánciase coas cotas que pagan os integrantes e cos cachés que perciben polos bólos.

E ti, non queres cantar?

Chegar ao Coro da Ra é tan sinxelo como acudir a un ensaio, así foi o caso de Frutos hai 30 anos, “a daquela miña moza e eu vimos os carteis ‘Queres cantar coma os negros?’, fomos ao ensaio, que daquela era nun local da Universidade na Costa da Camelia, a Fonoteca, e vendo o ensaio Ramón animounos a probar”.

Dende aquela xa non deixou o coro, “é parte da miña vida” di Frutos, que destaca que coma en todas as formacións deste tipo hai xente moi diversa, de idades dispares, cada un co seu estilo, o que converte o coro “nunha grande oportunidade de socialización”.

Xente de 19 e 20 anos, de 40, de 50... “aos que Ramón sabe motivar, ten un grande talento para atopar o punto de cada un, para que se poña a colaborar con outras persoas”, afirma Frutos do director do Coro da Ra.