BNG, CA e PSOE asinan en Compostela o acordo por uns orzamentos "sociais e progresistas" para 2024

As tres formacións destacan o valor do diálogo e reivindican a unión das forzas progresistas no municipio

Reivindican a incorporación no borrador dos presupostos "de cuestións que sabiamos que tiñamos en común"

A contía total da partida ascende 141.184.052,95 euros e a súa aprobación prevese para as vindeiras semanas

María Rozas, Goretti Sanmartín e Aitor Bouza logo da sinatura do acordo sobre os orzamentos de 2024

María Rozas, Goretti Sanmartín e Aitor Bouza logo da sinatura do acordo sobre os orzamentos de 2024 / Antonio Hernández

O Pazo de Raxoi acolleu na mañá deste venres a sinatura do acordo entre o goberno local de Santiago (BNG e CA) e o Partido Socialista para sacar adiante a aprobación do borrador dos orzamentos para 2024, presentado hai unha semana pola alcaldesa Goretti Sanmartín e a primeira tenenta de alcaldesa María Rozas. Uns presupostos que permitirán deixar atrás a prórroga de 2022 e que suman a cifra de 141.184.052,95 euros anque o Goberno local carrexa dificultades económicas, "por carecermos en 2023 de orzamentos", sinalaba Sanmartín.

Igual que xa se fixera cando se presentou diante da prensa o borrador dos orzamentos, as forzas asinantes destacaron o carácter "marcadamente social" dos presupostos e tamén a satisfacción polos bos froitos do diálogo entre as formacións políticas que "dotan de estabilidade" o Concello de Santiago e permiten camiñar cara a "un modelo de concello transformador".

Coa igualdade e o feminismo como asuntos transversais do proxecto, a conciliación, a sostibilidade e o Pacto polo Rural son algúns dos aspectos máis salientables destes presupostos que Sanmartín asegura "melloran a calidade de vida da veciñanza de Santiago" ao tratárense duns orzamentos "pensados para as persoas, presupostos sociais e igualitarios que velarán polo mantemento dos barrios e das parroquias".

A alcaldesa de Santiago agradeceu especialmente a "vontade de colaboración" do PSOE diante duns orzamentos que recollen "moitas propostas iniciadas no anterior goberno". Un detalle no que abundou tamén a voceira de Compostela Aberta, María Rozas, "fixémolo entre as forzas de goberno pero tamén pensando na mirada do Partido Socialista, incorporando cuestións que sabiamos que tiñamos en común".

Dende o PSOE, o secretario xeral en Compostela, Aitor Bouza, comezou a súa intervención explicando que "hoxe non é un bo día para o Partido Socialista e o resto de forzas asinantes, senón para Compsotela, por poder facer realidade as demandas sociais da veciñanza". Bouza agradeceu o traballo dos equipos negociadores e o ton das conversas para acadar este acordo por uns "orzamentos sociais e progresistas que reflicten a deicisón das urnas o pasado 28 de maio".

Preguntados pola posible creación dunha comisión de seguemento do cumprimento do acordo asinado, as tres forzas coincidiron en destacar que se trata “dunha proposta das tres forzas que subscribimos o acordo sobre este conxunto de cuestión”, aseguraba Sanmartín, que tamén indicaba que no prazo dun mes poderanse aprobar os orzamentos.

Dous modelos de oposición

O líder dos socialistas santiagueses, Aitor Bouza, quixo facer referencia á “oposición construtiva” do PSOE fronte á que realiza a outra formación fóra do goberno local, o Partido Popular. “A oposición ten que servir para o que serve a política, para construír, debater, chegar a puntos de encontro e facilitar a vida das persoas”, aseguraba Bouza.

Mentres lle apuña ao PP que a súa era unha oposición “que se basea en defender os intereses do señor Verea e do partido, e ás veces tamén do señor Feijóo, pero nada de cidade”, aseguraba Bouza, que tamén reclamaba dos ‘populares’ que “aínda non explicaron o seu voto en contra destas medidas” un posicionamento que xa “fixo no Parlamento galego”, indicaba Bouza en referencia ao deputado Borja Verea. 

Renegociación do goberno local

Cuestionados por unha posible entrada do Grupo socialista no Goberno local, era Aitor Bouza o primeiro en tomar a palabra para asegurar que este acordo “non cambia nada” ao respecto da posición do PSOE en Raxoi. “O que nos prometemos foi facer unha oposición útil, responsable e esixente”, aínda que tamén recoñecía que Goberno bipartito “foi moi xeneroso incorporando ao proxecto as nosas demandas”, unhas peticións froito das consultas da formación co “tecido social” da cidade.

O diálogo non ten que sorprender, pero estamos tan crispados, porque o PP está tirado ao monte...”, aclaraba Bouza, para insistir en que o PSOE fixo o seu “papel institucional na cidade, responder aos intereses da veciñanza porque non podiamos ter a cidade bloqueada”, aclarou en referencia ás dificultades do anterior Goberno local, liderado por Xosé Sánchez Bugallo, para sacar adiante os presupostos.

Para Bouza o apoio aos orzamentos de BNG e CA son “un punto de inflexión para o desbloqueo, pero non cambia nada respecto da conformación do goberno” e asegurou que o PSOE terá sempre “boa disposición, cando se trate do interese da veciñanza e cando non esteamos de acordo tamén faremos unha oposición responsable e respectuosa”.

Casa da Xuventude

A Casa da Xuventude é unha das cuestións chave a abordar polo Goberno bipartito, na que hai un claro desencontro entre as tres forzas que agora se uniron para sacar adiante os orzamentos locais. Aitor Bouza explicou en Raxoi que este tema non estivo entre as materias de debate orzamentario.

“A negociación debía basearse en puntos de encontro e non en disensos, se foramos o PP meteriamos no acordo a Casa da Xuventude para que non poidese haber pacto”, criticou, para reafirmarse en que “seguiremos falando desa cuestión, pero non era o momento agora xa que as posturas de cada formación están claras”.

Borja Verea insiste en que o PP santiagués non coñece o borrador da proposta e denuncia “pouca educación democrática”

Apesar de que durante a comparecencia de prensa logo da sinatura do acordo orzamentario do Goberno bipartito co PSOE a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asegurou “enviamos ao PP un resumo do que significa a proposta orzamentaria nos distintos capítulos”, o líder dos ‘populares’ insistía no seu comunicado aos medios en que “nada podemos dicir, porque nada coñecemos”, en relación ao acordo presupostario recén asinado.

Borja Verea aféalle ás tres forzas asinantes do acordo (BNG, CA e PSOE) a súa “pouca educación democrática” e lembra “gañamos nós as eleccións e case duplicamos en votos ao BNG e ao PSOE”. Segundo Verea, o Partido Popular non ten ningún documento e recalca que a súa formación só quere “defender con seriedade e solvencia os intereses dos composteláns, polo que cando teñamos toda a documentación valoraremos a proposta”.

Unha cuestión ésta última sobre a que na mañá do venres Sanmartín afirmaba que os grupos políticos asinantes “estamos abertos e esperamos que o PP se sume tamén á proposta orzamentaria porque sería positivo para a cidadanía de Compostela”.

Mais insistindo en que o PP non ten non seu poder unha proposta do proxecto presupostario que se asinou entre BNG, CA e PSOE, Borja Verea aseguraba que “todo o mundo pode entender que dunha cuestión tan importante coma os orzamentos non se poden facer valoracións unicamente por roldas de prensa de parte”.

O líder dos ‘populares’ insistiu no seu comunicado, a raíz da sinatura do acordo orzamentario entre as forzas progresistas da Corporación local, en que o PP pide “educación democrática, transparencia e que se nos traslade toda a información para poder defender os intereses dos composteláns e das compostelás”.