Un estudo da USC revela que os incendios estimulan a xerminación das especies exóticas invasoras

Na tese de Sheila F. Riveiro, de sobresaínte cum laude, proponse a queima controlada das zonas para eliminar sementes e logo usar vexetación nativa

Sheila F. Riveiro, segunda pola dereita, xunto as membros do tribunal na sesión de lectura da tese de doutoramento / cedida

Sheila F. Riveiro, segunda pola dereita, xunto as membros do tribunal na sesión de lectura da tese de doutoramento / cedida / Cedida

Analizar como os incendios forestais interactúan coas especies exóticas invasoras, se favorecen ou non a súa expansión, era o principal obxectivo da tese de doutoramento desenvolvida pola bióloga Sheila F. Riveiro, titulada Bases ecolóxicas para o control de especies exóticas invasoras en relación co lume. Plantexou distintos estudos, tanto de laboratorio como de campo, nos montes de Coímbra. “No laboratorio fixemos simulación de incendio forestal sobre a xerminación das especies, e despois co comprobado vimos se os incendios forestais serían, agora ou a corto prazo, un método de control das especies exóticas invasoras, ou se polo contrario, axudan á súa expansión”, detalla a EL CORREO Sheila F. Riveiro.

A investigadora pertencente ao grupo de referencia competitiva Biodiversidade e Botánica aplicada (Bioaplic) da USC decidiu estudar sobre esta temática ante o problema crecente que hai de especies exóticas invasoras na actualidade en Galicia, xa que “están entrando novas especies e as que hai estanse expandindo moito, ademais das sinerxias que se pode observar no campo de como en zonas onde houbo incendios, a veces aparecen novas especies exóticas invasoras ou expándense máis”. 

O que atopou principalmente é que as especies nativas teñen unha resposta negativa fronte o lume “na que se ven desfavorecidas a maior parte delas ao reducirse a súa xerminación”, mentras que nas especies exóticas invasoras as respostas obtidas baseanse en que o lume estimula a súa xerminación polo que se expanden nas zonas nas que hai incendios forestais. Así, “cantas máis sementes xerminen máis individuos se poden establecer”. A maiores, houbo outras especies exóticas invasoras que estudaron “non lles afectou nin para ben nin para mal” e o feito de non verse afectadas negativamente “seguen tendo unha vantaxe competitiva” sobre as especies nativas. 

Coas especies que máis traballou nesta ocasión a investigadora foron dúas acacias diferentes, a acacia longifolia e a acacia mearnsii, “moi parecidas á mimosa que se ve por aí, da flor de amarela”. Trátase de especies máis recentes en Galicia e que están no periodo de expansión.

As principais conclusións marcaron que os incendios contribúen á expansión das especies exóticas invasoras, aínda que ao mesmo tempo a investigadora asegura que se pode utilizar o lume como unha ferramenta para controlalos. “Trátase de accións de control co fin último de esgotar o banco de sementes das especies para así evitar a rexeneración”, especifica.

Entón, un dos métodos de control que se propuxo é queimar repetidamente a zona afectada, de forma controlada, ata que non queden máis sementes , e a continuación “revexetala con vexetación nativa para ocupar o nicho ecolóxico”.

Con estos estudos, a investigadora asegura que se pretende dar unha base para que os xestores do territorio, “que son realmente os que poden traballar sobre isto”, sepan como actuar con cada unha das especies, “porque a pesar de que presentaron comportamentos similares”, a cada unha vaille mellor un xeito de control. Deste xeito, existiría unha base científica sobre a que traballar.

"Co investigado os xestores do territorio poden saber como actuar con cada unha das especies”

Sheila F. Riveiro

— Investigadora da USC

A tese, dirixida pola profesora da Facultade de Bioloxía da USC Otilia Reyes e presentada no pasado mes de novembro contou co financiamento do Programa de axudas á etapa predourotal e encadrouse nos proxectos Fireseves e Fogo e Invasoras. O tribunal estivo composto por Luz Valbuena, da Universidade de León; Jonatan Rodríguez-Parra, da USC; e Aline Oliveira, do Instituto Politécnico de Coímbra. O traballo recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude.

“É un recoñecemento ao traballo realizado, co que unha queda satisfeita, despois de cinco anos de investigación e dúas estadías en Portugal. Isto demostra que a investigación pode ser útil e está ben feita”, comenta Sheila F. Riveiro. Ahora agarda que lle concedan unha beca para seguir desenvolvendo esta investigación nos vindeiros anos cunha estadía no estranxeiro.