A USC prevé iniciar a reforma do Observatorio Astronómico Ramón María Aller en setembro

Potenciar as instalacións para permitir novas actividades de divulgación e formación académica é un dos obxectivos da actuación, que conta cun orzamento de 500.000 euros

Tamén se analizará a viabilidade dun planetario na súa contorna

sede actual do Observatorio Ramón María Aller construiuse en 1952, se ben foi fundado no ano 1943 en Lalín polo profesor Ramón María Aller Ulloa

sede actual do Observatorio Ramón María Aller construiuse en 1952, se ben foi fundado no ano 1943 en Lalín polo profesor Ramón María Aller Ulloa / USC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, situado no Campus Sur, afrontará este ano unha reforma das súas instalacións co obxectivo principal de aumentar a súa capacidade como centro de divulgación astronómica e de formación académica nas materias universitarias de astronomía. Deste xeito prevese proceder coa licitación da reforma integral do edificio do observatorio no vindeiro mes de xuño, tendo en conta que faltan trámites previos como a licenza, e que a obra comece en setembro, cunha duración prevista de seis meses. O orzamento total sitúase preto dos 500.000 euros, a metade a executar en 2024 e o 50% restante en 2025. Para isto, tal e como confirma a USC, cóntase co financiamento da Xunta de Galicia, que viu preciso poñer en valor a Rede de Centros de Divulgación Científica da USC, na que se integra o observatorio, e para isto concedeu unha axuda global de 450.000 euros nos exercicios 2023 e 2024.

Nun primeiro momento o equipo do arquitecto Andrés Soto realizou unha análise do observatorio obtendo como resultado unha serie de deficiencias centradas, en xeral, no mal aproveitamento do espazo. Segundo resume agora a institución compostelá, a superficie construída actual do inmoble ascende a 505 metros cadrados, mentras que a superficie útil actual alcanza os 388 m2, feito que se da porque o resto non reúne as condicións necesarias para a súa posta en servizo. Ademais, os corredores do inmoble teñen 90 centímetros de ancho, “o que implica que non se adapta á evolución das necesidades do centro e non cumpren os estándares actuais”. 

A superficie utilizada con maior efectividade, é dicir, a actualmente dedicada a labores de investigación, observación astronómica e traballo (espazos de observación, biblioteca e despachos) non supera os 85 m2, aproximadamente un 23% da superficie dispoñible. En referencia á biblioteca, duns 31 metros cadrados útiles, “resulta insuficiente para albergar o seu fondo documental e dar cumprimento ás funcións propostas pola USC”. 

“Enténdese por tanto xustificada a necesidade de acometer unha renovación que, conservando o valor patrimonial, histórico e etnográfico do inmoble, posibilite o seu mantemento en servizo, o exercicio da súa función social e a súa adaptación á evolución xeral dos requirimentos asociados ao desenvolvemento da comunidade que o sustenta”, sinala o xerente da USC, Javier Ferreira.

Por outra banda, tamén se contempla para este ano o deseño e análise da viabilidade da construción dun planetario no entorno do observatorio para que funcione “como recurso científico, didáctico e de divulgación científica, tanto para a comunidade universitaria, como para centros educativos e cidadanía en xeral”.

Inicialmente proxéctase que o planetario se instalará na zona do xardín do actual observatorio, cunha cúpula de oito metros de diámetro e capacidade para sesenta persoas. Para a súa execución será necesario contar cun orzamento de aproximadamente 500.000 euros.

Durante as últimas décadas, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller ven levando a cabo unha intensa labor de divulgación como complemento das súas principais misións, como son a investigación e máis a docencia universitaria, aparte da súa sección meteorolóxica. Durante estes anos o centro foi incorporando instrumentación astronómica de calidade xunto con abundante material didáctico, o que o convirtiu tamén nun Centro de Interpretación do Cosmos.

 O Observatorio ten organizado un importante número de programas de divulgación levados a cabo en multitude de concellos galegos e mesmo do Camiño fóra de Galicia, así como saídas a centros escolares, centros de rehabilitación de diversos colectivos, etc., porén son sen dúbida as sesións de divulgación levadas a cabo no propio observatorio as que abranguen a gran maioría das actividades. Neste sentido, o seu director, José Ángel Docobo, sinala que “é indispensable unha actualización das instalacións xunto coa adquisición de novos medios” para o centro. Para Docobo, esta obra permitirá ao observatorio “integrarse con todas as garantías no corpo de divulgación científica que se pretende formar na Universidade de Santiago en distintas disciplinas”.

Sobre ese posible futuro planetario José Ángel Docobo comenta que é unha petición que se se fai realidade “será un complemento básico na atención e convertirase asimesmo nun atractivo máis da cidade compostelá”.

"Esta obra permitirá ao observatorio integrarse con todas as garantías no corpo de divulgación científica que se pretende formar na USC en distintas disciplinas”

José Ángel Docobo

— Director do Observatorio Ramón maría Aller da USC

Oito décadas dende a creación do observatorio

O Observatorio Astronómico da USC foi fundado en 1943 polo profesor Ramón María Aller Ulloa e dende entón continúa a asúa actividade como instalación científica da institución compostelá.

O observatorio comezou a súa andaina en Lalín e foron Luis Iglesias e Isidro Parga Pondal quen concibiron o traslado do observatorio ao campus de Santiago, de forma que se puidesen aproveitar as sinerxías co medio académico. O proxecto de traslado foi apoiado polo reitor Rodríguez Cadarso, que comezou as xestións para lograr o traslado e a construción dun inmoble que o acollese. O edificio foi proxectado por Jenaro de la Fuente, no marco do amplo proxecto de urbanización do que hoxe coñecemos como Campus Vida ou Campus Sur. A sede actual do observatorio construíuse en 1952

Esta instalación conta con material de observación moderno, financiado por convocatorias públicas e instalado na edificación: telescopios de 0.62m, 0.40m, cámaras ICCD y eMCCD de interferometría speckle, espectrómetro, etc. 

O persoal do observatorio forma parte da área de Astronomía do departamento de Matemática Aplicada e encárgase da docencia de varias materias relacionadas coa astronomía nas titulacións de Física, Matemáticas, Óptica e cuarto ciclo. As prácticas destas materias realízanse no observatorio e nelas participan máis de 250 alumnos e alumnas.

A maiores, hoxe en día o Observatorio Ramón María Aller conta con recoñecemento internacional no eido das estrelas dobres e múltiples e forma parte da International Astronomical Union.