Compostela rexistrou cifras de récord en horas de sol e chuvias acumuladas en 2023

O Observatorio Ramón María Aller da USC recolleu máis de 2.300, a marca máis alta do século co astro rei tras 2017

A auga subiu dos 2.000 l/m2 despois de oito anos sen facelo

Un home aguanta o paraugas xirado polo forte vento, esta tarde no Obradoiro

Un home aguanta o paraugas xirado polo forte vento, esta tarde no Obradoiro / Antonio Hernández

As horas de sol medidas en Compostela pasaron das 2.300 ao longo do ano 2023, o que supón a marca máis alta deste século só superada polo rexistro de 2017 (2.351,3 horas). Así o constata o Resumo meteorolóxico do ano 2023 da cidade de Santiago de Compostela, elaborado cos datos obtidos na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía. O informe tamén destaca que a chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, logo de oito anos sen facelo, mentres que a temperatura máxima foron os 36,2º alcanzados o 8 de agosto, mes no que tamén se superou a barreira dos 30 durante outras catro ocasións.

A pesar da chuvia recollida este pasado ano, as horas de sol medidas en Compostela pasaron das 2.300, o que supón a marca máis alta deste século só superada polo rexistro de 2017 (2.351,3 horas). Neste punto foron importantes as contribucións dos meses de maio (291 horas e 40 minutos) xunto cos meses estivais. Segundo o estudo realizado por José Ángel Docobo, en abril e setembro a insolación foi a mesma: 220 horas. Só houbo 38 días nos que o sol non saíu en Compostela, pero entre abril e setembro (ambos os dous inclusive) só houbo dúas xornadas sen sol, unha en abril e outra en xullo. Destacan os 18 días con máis de nove horas de insolación en maio e os 22 días de febreiro nos que o sol se deixou ver entre 6 e 9 horas.

Por outra banda, e despois de oito anos sen facelo, a chuvia recollida no 2023 superou os dous mil litros/m2 en Compostela e nos tres últimos meses caeron máis de mil litros/m2. “O que ía para un ano seco ao final superou con creces a media das últimas décadas”, sinala Docobo.

Aínda que fose a última hora, o ano que acaba de rematar deixounos 2.009, 2 litros/m2, dos que 1.000,5 corresponden aos tres últimos meses: outubro con 424,3 l/m2, novembro con 318,7 l/m2, e decembro con 257,5 l/m2. Tal e como subliña José Angel Docobo, “choveu a mesma cantidade nos nove primeiros meses que nos tres últimos”. Neste senso, o profesor destaca que en meses tradicionalmente chuviosos en Santiago como abril e maio, “a precipitación recollida foi modesta”, sen chegar a 100 litros/m2 en cada un deles. O día máis chuvioso do ano foi o 18 de outubro, con 71,1 l/m2. Nesa xornada “aconteceu un fenómeno inusual”, relata Docobo, cando sobre as 19.00 horas se recolleron uns 30 litros/m2 en media hora. “En total, foron 22 as xornadas nas que se mediron máis de 30 litros/m2”, sinala.

"En referencia ao número de días con precipitación, estes chegaron aos 192 (52,6%) se ben en 26 deles  foi inferior a 0,1 l/m2, “o que en meteoroloxía se considera unha cantidade inapreciable”

José Ángel Docobo

— Director do Observatorio Ramón María Aller da USC

En referencia ao número de días con precipitación, estes chegaron aos 192 (52,6%) se ben en 26 deles foi inferior a 0,1 l/m2, “o que en meteoroloxía se considera unha cantidade inapreciable”. Sen contar estes últimos, os 166 restantes corresponden ao 45,4% dos días nos que nalgún momento houbo precipitación, o cal entra na normalidade dos rexistros de Compostela, que ronda sempre o 50%.

Tal e como xa se anunciara, a temperatura máxima do ano foron os 36,2º alcanzados o 8 de agosto, mes este no que tamén se pasou dos trinta noutras catro ocasións. No anterior mes de xullo a temperatura máxima foi de 28,2º.

Houbo trece xornadas nas que na cidade de Santiago se pasou dos 30 graos. En cinco ocasións aconteceu en outubro e concretamente o día 7 marcou a quinta máxima temperatura do ano, con 32,3º.

Pola contra, só se baixou dos cero graos en tres días, resultando a mínima absoluta do ano os -0,2º compartidos entre o 2 de marzo e o 17 de decembro. Xunto cos -0,1º do 18 de decembro, estas tres foron as únicas xornadas con temperatura negativa en todo o 2023.

O día coa temperatura máxima máis baixa foi o 17 de xaneiro con só 8,5º, mentras que a noite máis calida correspondeu ao 10 de agosto, cando os termómetros non baixaron dos 18,5 graos.

En definitiva, agosto, con 20,9º de temperatura media, foi o mes máis quente, seguido de xuño (19,8º), xullo (19,4º), e setembro (19,3º).