Xan Duro anuncia a creación dunha liña de bus dende o límite co Milladoiro até Sigüeiro

Sanmartín insiste en que é prioritario para o Goberno local renovar a frota de transporte urbano

Raxoi explica que se aumentarán as liñas e frecuencias dos autobuses urbanos

Un dos autobuses urbanos cos que conta na actualidade Santiago

Un dos autobuses urbanos cos que conta na actualidade Santiago / Antonio Hernández

“O incremento de liñas e de frecuencias serán unha realidade co novo contrato de transporte”, anunciaba este luns a alcaldesa Goretti Sanmartín, que en canto a transporte metropolitano tamén indicaba que o Goberno municipal “xa se está a pensar nunha solución” para toda a xente de Santiago e da comarca “que traballa no Polígono do Tambre”. 

Un tema no que abundou o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, durante a súa intervención no encontro coa prensa, ao falar da creación dunha liña de autobús que cubrirá o percorrido dende “a primeira rotonda do límite municipal co Milladoiro -Ames- até Sigüeiro”. Un novo servizo que permitirá ás persoas que non viven en Santiago pero si traballan na cidade poder deixar o coche na casa e botar man do transporte público. 

Unha nova liña pensada “para aquelas persoas que teñan que achegarse non só ao Polígono do Tambre, senón tamén aos hospitais ou mesmo a San Caetano”. Unha iniciativa que tamén permitirá vertebrar a comunicación viaria entre a cidade e os concellos da contorna compostelá.

O edil de Mobilidade tamén asegurou que en canto aos novos pregos para o contrato de bus urbano, “estanse a cumprir os prazos”, aínda que non puido poñer unha data para o novo acordo porque, aseguran dende o bipartito que a cuestión non depende enteiramente do executivo local, senón que “os pregos teñen que ir a Madrid e non sabemos canto poden demorar en volver”.

Unha materia, a do transporte urbano da capital de Galicia que complicou xa a acción do Goberno local nos primeiros meses de mandato, xa que no mes de agosto Raxoi anulou a licitación en curso “por un incremento nos custos”, en concreto aumentos retributivos do 12,2% que non se podían asumir cos pregos naquel momento en vigor e que implicou unha demora na adxudicación de arredor dun ano.

Unha situación que obrigou tamén durante a época estival a alugar unha ducia de novos autobuses urbanos que se puxeron en circulación durante o pasado mes de setembro.