Santiago reactiva a mesa intersectorial contra a violencia de xénero tras cinco anos e en pleno repunte de casos

Nun lustro só se reuniu dúas veces

Entre o 13 e o 16 de xaneiro producíronse na cidade tres casos de violencia de xénero

Santiago reactiva a mesa intersectorial contra a violencia de xénero tras cinco anos e en pleno repunte de casos

Santiago reactiva a mesa intersectorial contra a violencia de xénero tras cinco anos e en pleno repunte de casos / CEDIDA

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a subdelegada do Goberno estatal na provincia da Coruña, María Rivas, presidiron na mañá deste xoves a mesa intersectorial contra a violencia de xénero -inactiva durante cinco anos- na semana na que se produciron en tres días tres casos de violencia de xénero na cidade.

Sanmartín referiuse á reactivación da mesa como "fundamental" para fortalecer a colaboración entre "as distintas administracións, o tecido asociativo, as forzas de seguridade e os xulgados". 

A alcaldes fixo referencia a que a citada mesa traballará non só no ámbito da protección srnón tamén no da "prevención nos eidos educativo e social". Tamén se creará unha comisión con persoal técnico das administracións e das forzas policiais.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, apuntou que hai na provincia "2.200 mulleres protexidas, para que poidan facer unha vida o máis normal posible, e son 2.200 razóns para seguir traballando" na prevención da violencia de xénero.

Rivas, agradeceu a implicación do Concello de Santiago, e sinalou que na provincia están activas un total de 39 mesas de coordinación interinstitucional para traballar sobre a materia. "A experiencia dinos que este tipo de actuacións son moi necesarias, tamén para que os axentes implicados saiban como proceder".

A pasada fin de semana producíronse no Ensanche compostelán dous casos de violencia de xénero, e o pasado martes tivo lugar un terceiro caso na zona rural da cidade. A Policía Local actuou nos tres casos e detivo os tres presuntos agresores.