Pilar Lueiro presenta o parque de Galeras como espazo 'sen fume' no Día Mundial contra o Cancro

A concelleira, que se desprazou esta mañá ata a primeira área verde da cidade con este distintivo, anunciara en outubro a intención do goberno local de adherir a esta iniciativa a prazas e espazos deportivos ao aire libre, pero polo de agora non hai novidades

Parque de Galeras

Parque de Galeras / Jesús Prieto

Redacción

Con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro, o 4 de febreiro, a concelleira Pilar Lueiro acercouse este domingo ata o parque de Galeras para recordar que dende o pasado mes de outubro este espazo convertese na primeira área verde do Concello ‘sen fume’. “No principio do noso mandato comprometémonos coa Asociación Española Contra o Cancro a crear espazos libres de fume e hoxe é unha realidade no parque de Galeras”, dixo Pilar Lueiro nun pequeno vídeo que o Concello colgou durante a mañá de onte á súa rede social X (Twitter). 

No seu día a edil encargada da UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes), Pilar Lueiro comentou que neste parque compostelá se habilitaría “sinalización sobre a prohibición” mais non habería vixilancia nin sancións, porque o que se busca é o “compromiso social”. "Entre os 16 e os 24 anos, “o 22% dos rapaces e o 18 por cento das rapazas” son fumadores, por iso a intencionalidade desta iniciativa pasa por lograr “desnormalizar o consumo de tabaco”. Lueiro anunciara en outubro a intención do goberno local de ampliar “os espazos sen fume a prazas e espazos deportivos ao aire libre”. Polo de agora non se coñecen lugares nin datas.