Mobilidade

Modificacións no tráfico e nas liñas de bus por mor do desfile do martes de Entroido en Santiago

Quedará prohibido estacionar nas rúas polas que se desenvolverá o devandito entre as 14.00 horas e o remate do mesmo

Produciranse cortes intermitentes, polo que se recomenda, na medida do posible, evitar circular pola zona do Ensanche

Imaxe do desfile do pasado ano

Imaxe do desfile do pasado ano / Antonio Hernández

El Correo Gallego

A Concellería de Mobilidade e Convivencia do Concello de Santiago de Compostela informou na súa web de que, con motivo da celebración do desfile do Entroido o martes 13 de febreiro, quedará prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas polas que se desenvolverá o devandito desfile entre as 14.00 horas e o remate do mesmo.

Así mesmo, produciranse cortes intermitentes de tráfico nas mesmas rúas, polo que se recomenda, na medida do posible, evitar circular pola zona do Ensanche na tarde deste martes de Entroido e seguir as indicacións da Policía Local e dos paneis informativos de tráfico.

A concentración das carrozas comezará a partir das 15.00 horas na avenida de Ferrol. O desfile comezará ás 17.30 horas e continuará polas seguintes rúas: avenida de Ferrol, rúa Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

Recoméndase aos condutores e condutoras que eviten a avenida de Ferrol e a rúa Romero Donallo, pois estarán cortadas ao tráfico ata a saída das carrozas e comparsas. Os vehículos que se despracen en dirección norte-sur poden evitar o centro da cidade circulando pola avenida de Lugo (SC-20) e interior do túnel do Hórreo.

Transporte urbano

Con motivo dos cortes intermitentes nas diferentes rúas polas que pasará o desfile, as liñas de transporte urbano terán restricións temporais na circulación. Os autobuses agardarán o paso do desfile, seguindo en todo caso as indicacións da Policía Local.

A avenida de Ferrol estará cortada ao tráfico desde as 15.00 ata as 17.30, ao realizarse alí a concentración das carrozas. Nese horario, as liñas 5, 12 e C4 non realizarán as paradas da avda. de Ferrol, e desviaranse desde a rotonda de Conxo ata a rotonda de Galuresa, Romero Donallo, para retomar o traxecto na primeira parada da rúa República Arxentina. A partir das 18.00, os buses voltarán a circular pola avda. de Ferrol, se ben poden ter que agardar o paso do desfile na zona do Ensanche.

As liñas con circulación pola rúa da Senra e Ensanche desviaranse a través da avda. de Lugo – Hórreo (estación) – Romero Donallo, desde onde retomarán os seus itinerarios unha vez pase o desfile por esa zona.

Para o servizo ao aeroporto coa liña 6A, a parada de referencia no centro será na rúa do Hórreo (carril bus estación Intermodal), tendo que desviarse pola avda. de Lugo mentres dure o paso do desfile, sen realizar as paradas polo centro da cidade.