Santiago(é)Tapas comeza este xoves e repartirá máis de 200 agasallos

Imaxe do cartel promocional desta edición

Imaxe do cartel promocional desta edición / CEDIDA

ECG

Santiago(é)tapas, o concurso de tapas de Compostela, celébrase este ano por primeira vez no mes de febreiro, logo de que a Asociación Hostelería Compostela solicitase a Turismo de Santiago o cambio de datas, xa que no mes de novembro, no que se celebraba tradicionalmente, “os bares e restaurantes locais teñen xa unha actividade importante grazas á desestacionalización que se está producindo na demanda turística da cidade”, indicaron desde Raxoi. Ademais, engadiron que o cambio de datas non afectou ao número de locais participantes. “Ao contrario, nesta edición participarán 40 locais, fronte aos 38 que participaron na última edición, que se celebrou en novembro do 2022. En total, poderanse degustar 61 tapas, 29 creativas e 32 tradicionais, nos 40 locais distribuídos en 5 rutas ou (é)tapas diferentes”, sinalaron. Nesta edición, que comeza mañá, ofreceranse máis de 200 agasallos para aquelas persoas que cubran algunha das rutas definidas no Tapasporte.

Entre os agasallos inclúense produtos gastronómicos, como Piedras de Santiago; botellas de viño, queixos, meles e packs de produtos gastronómicos; entradas para espectáculos, festivais e o Museo da Cervexa (Mega); masaxes e agasallos de saúde e benestar; noites de hotel; ceas e xantares “experiencia” e abonos para o Obradoiro CAB. Mesmo exemplares asinados do libro O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales, no que Santiago e os seus establecementos de restauración teñen unha destacada presenza. Todos os agasallos e as rutas que é preciso facer para conseguilos poden consultarse en santiagoetapas.gal.

Os Tapasportes poden recollerse na Oficina de Turismo, na rúa do Vilar, en horario de 10.00 a 18.00 h, na sede da Asociación Hostelería Compostela e nos establecementos participantes. Ademais, este ano haberá tres rutas especiais: unha sen glute, na que se inclúen 19 petiscos; outra vexetariana con 11 propostas; e unha doce, novidade desta edición, composta por 15 tapas.