Eva López, de Innovatia 8.3: “É moi importante emprender dunha maneira máis reflexionada”

A experta en transferencia do coñecemento defende que a xente nova xa non queira traballar 24 horas sete días á semana

“Prefire coidarse, viaxar, valora outra parte da vida”, sinala

Eva López Barrio, coordinadora de Innovatia 8.3 da USC, no evento do Colexio de Economistas de Madrid / ECG

Eva López Barrio, coordinadora de Innovatia 8.3 da USC, no evento do Colexio de Economistas de Madrid / ECG / Ana Triñáns

A coordinadora de Innovatia 8.3 da Universidade de Santiago (USC), Eva López Barrio, participou este xoves en Madrid, no Colexio de Economistas, na presentación do estudo ‘Indicadores de xénero no emprendemento de I+D+i’. Un evento ao que segundo ela mesma facía a apreciación “asistiron máis mulleres que homes, pero ao fin e ao cabo non é só un tema de mulleres”.

A economista e experta en técnica de transferencia do coñecemento facía así referencia á métafora do iceberg da teoría feminista. Na parte alta desta estrutura, “o que se ve é canto se traballa, canto se importa, canto se exporta... todos eses conceptos económicos máis clásicos, máis tradicionais, o que se publica nas páxinas salmón dos xornais”.

Aclara López Barrio en conversa con EL CORREO que “para que se vexa o de arriba hai toda unha estrutura que a soporta dende abaixo”. Refírese así a experta aos coidados “que non se ven, non se contabilizan na parte produtiva, non teñen valor económico... aínda que se está coindando do país”. Unha cuestión que tamén debulla Katrine Marçal, por exemplo, na obra ¿Quién le hacía la cena a Adam Smith?. “Se tes unha cociñeira tes que pagarlle, pero se xa cho fai a túa muller, a túa nai...”, explica López Barrio.

Por iso, a experta en emprendemento defende que “non é só unha cuestión que afecte as mulleres, o planeta está como está, as persoas están rotas... todo está quebrando e os coidados son moi importantes, vímolo claro cando nos meteron na casa por motivo da Covid: casas sen balcóns, non pensadas para as persoas... A economía feminista di que hai que rachar esas estruturas, esa división, para que conte todo o que ten valor para as persoas”, recalca.

Un cambio que a economista percibe xa nas xeracións máis novas, no eido da tecnoloxía, a pesar de que nel a transferencia de coñecemento non é igualitaria. “É un tema de poder e a xente nova teno máis claro, poderiamos dicir que o iceberg se está a inverter un pouquiño ou que é máis visible. No sector tecnolóxico xa se apreza. Ten alta empregabilidade, bos soldos... se non eres capaz de reter o talento, tes un problema como sector, non é un problema da xente”.

Eva López Barrio defende que a xente nova xa non queira traballar 24 horas 7 días á semana, “prefire”, di, “coidarse, viaxar, valórase outra parte da vida, hai preocupacións ambientais... Hai que volver tocar terra”. E tamén o retorno a un modo de produción máis parecido ao tradicional, ao da artesanía por exemplo, “ves que se fan boas cousas, con bos principios, estase a reciclar para facer produtos bonitos e hai un grande movimento feminista de homes e de mulleres que están a facer un cambio, tamén de consumo”. Por iso, dende Innovatia 8.3 tamén se defende un emprendemento “máis tranquilo, dun xeito máis reflexionado, con tempos coma os que require, por exemplo, a investigación”.

Xornada en Químicas polo Día da Muller e da Nena na Ciencia

Eva López Barrio defende dende Innovatia 8.3 a participación en eventos coma o que a levou ao Colexio de Economistas de Madrid porque “estas celebracións dan visibilidade á brecha de xénero” no campo das ciencias, “ sobre todo, porque se poñen datos enriba da mesa, pero tamén hai que dicir que doutros datos non se cuestiona nada, se se di que medra o PIB non se dúbida”, pero cando se fala da presenza da muller “sacamos datos obxectivos que si se cuestionan, e por que se cuestionan? Pois porque os datos de xénero sempre se cuestionan”.

A experta en transferencia do coñecemento rememora un dito: “Carreira feminizada, carreira precarizada”, e pon como exemplo o acontecido coas matemáticas, “era unha carreira de mulleres que se querían dedicar á docencia, agora interésalle ao sector industrial, á intelixencia artificial, entón pasou a outro estadio, masculinizouse”.

Unha mecánica do poder que tamén fai necesarias conmemoración coma o Día da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebrou o pasado 11 de febreiro e que vive hoxe, na Facultade Químicas, unha nova xornada. “Facemos un evento para os máis e as máis pequenas, sobre todo para estas últimas, para que coñezan mulleres 'normais' que pasaron polas facultades, que estudaron unha carreira... e que vexan que elas tamén poden facelo en calquera área de coñecemento, en Física, en Historia, en Economía...”.

Unha xornada na que ademais de mesas redondas haberá unha parte “máis científica, centrada no emprendemento e tamén se realizarán experimentos, falarase de empregabilidade, de recursos humanos, de como afrontar, por exemplo, unha entrevista de traballo”. Todo orientado para que sigan mudando as tornas e as mulleres e o seu facer tamén ocupen lugar na ciencia e na tecnoloxía. López Barrio fai o símil co patio do colexio, onde “un determinado tipo de rapaz ocupa o campo de fútbol, mentres as nenas están afastadas”.