O Concello de Santiago aproba axudas para usar o taxi para persoas con dificultades de mobilidade

A contía que se destina a esta medida, aprobada en xunta de goberno, é de 15.000 euros

As persoas con dificultades de mobilidade poderán optar a axudas par ao uso de taxis

As persoas con dificultades de mobilidade poderán optar a axudas par ao uso de taxis / Antonio Hernández

A xunta de goberno local deu luz verde este luns ás bases da convocatoria de axudas individuais para usar o taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo en Santiago. O Concello destinará 15.000 euros a estas axudas cuxo prazo de solicitude será de dez días hábiles a partir do día seguinte a publicación das bases no BOP.

Poderanse beneficiar das axudas de taxi as persoas empadroadas e residentes en Santiago, que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles gravemente a utilización dos transportes públicos colectivos; aquelas que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75%, ou as persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade.

Tamén poderán acceder a estas axudas aquelas persoas residentes no rural que padezan algún tipo de discapacidade, aquelas que presenten determinadas doenzas, ou persoas maiores de 65 anos afectadas polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.