INFORME DO CONSELLO DE CONTAS

O PSOE de Santiago defende a legalidade dos contratos da pandemia e o PP pide facer unha auditoría

Os socialistas recrimínanlle a Raxoi que coñeceron a existencia do informe polos medios e mais que non presentase alegacións

Sanmartín e Muíños, durante a toma de posesión como alcaldesa da líder do BNG en Santiago

Sanmartín e Muíños, durante a toma de posesión como alcaldesa da líder do BNG en Santiago / Antonio Hernández

Este luns coñecíase por un informe do Consello de Contas que durante a pandemia da Covid-19 o Concello de Santiago, daquela gobernado polo actual senador Xosé Sánchez Bugallo (PSOE), adxudicou 85 contratos –por unha contía total que supera o millón de euros– para a dotación de máscaras sen que neles constara, segundo indica o consello, a “xustificación de emerxencia”. A polémica xerada empurrou os grupos municipais a pronunciarse ao respecto, con valoracións moi diferentes dende cada bancada. 

“Quero trasladar unha mensaxe de tranquilidade”, explicaba o voceiro socialista, Gonzalo Muíños, argumentando que “o procedemento de contratación durante o peor da pandemia fíxose respectando todos os cauces legais a pesar da urxencia e da emerxencia da situación”. 

O edil socialista insistiu en que os contratos foron informados polos servizos competentes e “incluso pasaron pola asesoría xurídica, indo máis aló do que marca a lei” para ter as máximas garantías en materia de control interno. Muíños quixo puntualizar algúns aspectos, nos cales o actual executivo non fica de todo ben parado.

“Sabemos da existencia deste informe polos medios de comunicación”, explicou o edil do PSOE, que denunciou que “o grave” da situación é que o propio informe do Consello de Contas “di textualmente que se lle solicitou ás administracións implicadas que se lle dera traslado da notificación deste informe ao equipo de goberno anterior”. 

Un requerimento que segundo Muíños tiña data de 9 de xaneiro, e o equipo de Goretti Sanmartín non trasladou dita notificación. Da mesma maneira que o Concello de Santiago “non presentou alegacións, un dos poucos de Galicia que non o fixo”, contou Muíños. Segundo o edil do PSOE a súa formación descoñece cal é a documentación que se lle remitiu ao consello e se esa información estaba completa.

Valorar o envío de máis documentación a Contas

Pola súa parte, a alcaldesa Sanmartín, que afirma que o Consello de Contas “probablemente non teña toda a información ou non toda a que consta”, comunicou aos medios que o Goberno local “mirará” se “é preciso ou non” remitir o resto da información á entidade auditora, toda vez que lle “consta” que se trata de “informes con expedientes” que se publicaron.

Sanmartín, que explicou que o informe do Consello de Contas traslada “recomendacións para o futuro” das que o Concello “toma nota”, puxo a maior atención en explicar que os contratos da época da pandemia seguiron un procedemento “que daquela se permitía, están feitos todos con expediente e foron publicados”, asegura.

"Avaliar as accións" unha vez pasada a emerxencia

Un aspecto, este último, no que discrepa o Partido Popular. Segundo informou o vicevoceiro da formación, José Antonio Constenla, o PP pedirá “unha auditoría para esclarecer a situación deses 85 contratos adxudicados por procedemento de emerxencia nos que non consta dita xustificación” e en especial, engadiu, “dos 24 contratos que non figuran publicados no perfil do contratante do Concello, polo que non hai xustificación do procedemento, nin obxecto, nin prezo de adxudicación nin identidade do contratista”. 

Para o ‘popular’, “non se trata de xulgar os contratos, asinados nun momento complicado para todos, pero consideramos que fan falla explicacións. Unha vez pasada a emerxencia, toca avaliar as accións”. “Creo que é necesario que se explique quen son os provedores, os importes dos contratos e os procesos de selección que se levaron a cabo para formalizar ditos contratos de emerxencia, para que non se poña en dúbida o bo facer que se lle presupón a unha administración pública”, sinalou Constenla.

Dende o PP insístese en que os contratos de urxencia “son máis susceptibles de prácticas irregulares e polo tanto requiren máis transparencia e explicacións”. Uns argumentos e razóns que agardan que dea o novo Executivo local. “A alcaldesa é alcaldesa de Concello de hoxe pero tamén do de onte, polo que está obrigada a aclarar calquera dúbida que planee sobre a actuación da nosa administración local”, explicou José Antonio Constenla.