O plan de Santiago para previr a adicción ás pantallas e o ciberacoso nos centros educativos

Os obradoiros destínanse a alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO

Os colexios reciben dende hoxe a convocatoria e estímase que as actividades comezarán nun par de semanas

O Goberno local compostelán oferta aos colexios obradoiros de prevención da adicción ás pantallas

O Goberno local compostelán oferta aos colexios obradoiros de prevención da adicción ás pantallas / EFE

Foi a propia comunidade educativa a que demandou actividades para previr a adicción aos dispositivos dixitais e tamén o ciberacoso, segundo explicaba o luns en rolda de prensa a concelleira de Xuventude, María Rozas, na presentación destas actividades xunto ao responsable do proxecto, Ramón Molina. Así, o Goberno local de Santiago implícase na loita pola prevención "sen demonizar as pantallas, senón achegando pautas para un uso seguro e saudable", afirmou Rozas, que defendeu que se trata "dunha preocupación importante, como para ter un programa específico".

"Aprenderemos estratexias de uso destes dispositivos para potenciar os elementos beneficiosos e minimizar os riscos", explicaba Ramón Molina no Pazo de Raxoi, que tamén detallou que se afrontarán os talleres como unha "conversa diagnóstica co alumnado, para coñecer a súa perspectiva e traballar dende a participación". Desta maneira será o alumnado quen explique que uso fan das pantallas e o tempo que lle dedican para "indentificar riscos, reflexionar e construír solucións".

As actividades, cuxa convocatoria se remitiu este luns aos centros de ensino, prevese que comecen nun par de semanas, orientadas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO con liñas de traballo diferenciadas nalgúns casos, tendo en conta os hábitos segundo as idades e co propósito de atallar posibles riscos "non cando os mozos xa teñen 16 anos, senón antes", contaba Ramón Molina.

Máis alá desta primeira actividade ou “proxecto piloto”, a intencionalidade da concellaría de Xuventude non se limita a esta primeira fase, senón que defende como “necesario” complementar o traballo co alumnado implicando tamén a comunidade educativa e os pais e nais, para que a eficacia do proxecto sexa maior. O obxectivo é “responder a unha preocupación crecente na comunidade educativa, entre familias e profesorado e tamén o propio alumnado”.

Alumnado de 5º e 6º de Primaria

Segundo explicou o responsable deste proxecto, Ramón Molina, os obradoiros tamén terán en conta as idades, polo que se orienta, no caso do ensino primario ao 5º e 6º curso. "Trataremos os videoxogos, o tempo de uso, se xogan en liña, en que espazo xogan e falaremos daqueles contidos axeitados e os non apropiados", explicou Molina en rolda de prensa.

Tendo en conta que a perspectiva dos talleres se centra na participación do alumnado de entre 10 e 12 anos, neste caso, os profesionais que realizarán as actividades prevén atopar nestas idades estudantado que xa dispoña de teléfono móbil, "teremos que ver aqueles que dispoñen del, que uso fan, que aplicacións teñen e tamén se forman parte dalgunha rede social".

ESO e ciberacoso

O acoso a través do móbil e das redes sociais (ademais tamén do uso de videoxogos) será un aspecto importante a tratar entre o alumnado de 1º e 2º do ensino secundario. "Sabemos que xa se están a dar problemas de acoso na contorna dixital", explicou Ramón Molina, que fixo mención a situacións problemáticas xa no uso de chats dedicados ás actividades escolares.

Neste sentido, igual que acontece nas relacións presenciais e no espazo físico, trátase de darlles aos mozos e mozas "unha metodoloxía para o autocontrol, empoderar o alumnado". Desta maneira, os estudantes poderán identificar prácticas que poden supoñer acoso ou maltrato a través das redes, como tamén o distinguen no espazo escolar, "coñecer a implicación de enviar un meme que ridiculice a un compañeiro ou difundilo", especificou Molina.

O traballo desenvolveráse en grupos pequenos, para facilitar a reflexión e a participación do alumnado, e achegando sempre situacións prácticas que permiten que os mozos e mozas asuman as aprendizaxes con maior eficacia. Os obradoiros terán unha duración de dúas horas, que serán continuas no caso de Primaria e en dúas sesións no caso do alumnado de Secundaria.