Raxoi responde aos veciños da zona vella: os 20 minutos de acceso non inclúen o percorrido até as vivendas
A Asociación Fonseca vén de solicitar unha reunión co grupo de Goberno para resolver a súa situación
“A parada de 20 minutos está pensada para facer recados rápidos”, aseguraba o edil de Mobilidade, Xan Duro, en relación coas críticas da Asociación de Veciños -AV- Fonseca, que aseguran que se trata dun período de tempo “insuficiente para paso e parada”. Ao respecto Duro afirmou onte que “non inclúen o percorrido”. O concelleiro tamén quixo calmar os ánimos respecto da entrada en funcionamento dos bolardos intelixentes na zona vella, “non afectarán a un aumento de multas”, como teme a asociación.
Hablan los vecinos del casco histórico sobre el nuevo control de acceso a la zona: "Todo son trabas"
Xan Duro insistiu en que a ordenanza que regula o paso de vehículos á cidade histórica “é de 2006 modificada en 2010, esa é a que está vixente e non hai mudanza nas condicións de acceso nin de circulación”. En referencia a situacións cun carácter menos habitual que o feito de que a veciñanza que reside na améndoa poida achegarse aos seus domicilios, Duro esplicitou que cando se trate de “operarios que realicen traballos nunha vivenda, a ordenanza xa contempla que, comunicándoo previamente, poidan permanecer máis tempo se é necesario para completar a obra”.
Unha cuestión na que tampouco están de acordo os asociados de Fonseca que solicitan, así mesmo, que “se facilite o acceso dos vehículos dos traballadores que teñen que acudir aos domicilios para facer reparacións, posto que actualmente só o poden facer ata as 10.30 horas, e cando rematan o seu traballo teñen que carrexar por toda a cidade a ferramenta ou escaleiras”.
Dende a AV Fonseca, que o luns reuniu no CSC Maruxa e Coralia a medio cento de veciños, consideran que adopción das medidas recollidas na ordenanza responde a unha imaxe “distorsionada” do funcionamento da améndoa, debido a “falta de información”. Ademais engaden que non ven “nin lóxico nin razoable que haxa unha única normativa para todo o ano”, explicaba o seu presidente Roberto Almuíña, que ademais indicaba que o fluxo de visitantes na zona antiga non é o mesmo durante todo o ano nin durante todo o día.
Segundo denuncia dende Fonseca, os percorridos que se ven obrigados a facer os residentes da cidade histórica cando acceden en vehículo ás súas residencias multiplica “2,5 veces o percorrido mínimo”, o cal provoca que non se libere de tráfico o eixo A Senra-Praza de Galicia-Virxe da Cerca, a pesar de que a súa desconxestión sexa un dos obxectivos do Goberno bipartito.
Fonseca segue a reivindicar a necesidade de que a normativa se realice en comunicación coas concellarías de Urbanismo -que concede o uso de terrazas- e Festas -que organiza concertos nas prazas-, e non só dende a Concellaría de Mobilidade.
Tarxetas de acceso á zona vella
As tarxetas de acceso á zona vella son outro punto de desencontro entre Fonseca e Raxoi, e non só porque a entidade veciñal reclame unha ampliación do prazo de solicitude. Segundo a asociación, mudaron os criterios “que se viñan aplicando nos últimos 25 anos” e a renovación das mesmas, cuxa solicitude está aberta até o 30 deste mes, “estase denegando cando os veciños utilizan coches de empresa ou no caso de xerentes e encargados de establecementos comerciais”, algo que dende a asociación se achaca a unha “interpretación da norma carente de sentido común”.
Temas
Más en Santiago
-
¿Cómo se ha llegado a los retrasos de los pacientes oncológicos en el CHUS?
-
La Xunta amplía desde este lunes las rutas de autobús entre Vigo y el aeropuerto de Santiago
-
Día de los Museos en Santiago: música, talleres y visitas guiadas gratuitas
-
Miqui Otero: “En esta novela que presento en Santiago, la narradora es la música”