FESTA DA PASCUA DE PADRÓN 2024

Estampas do imaxinario padronés

Alfonso Blanco e Masito Beiró son os autores do cartel das festas e dun décimo da ONCE conmemorativo da Pascua

Chus Campos, Alfonso Blanco e Anxo Arca, co cartel conmemorativo.

Chus Campos, Alfonso Blanco e Anxo Arca, co cartel conmemorativo. / CEDIDA

Redacción

A imaxe gráfica e visual da Pascua 2024 de Padrón está chea de homenaxes á idiosincrasia padronesa e ás súas grandes figuras. Estes tributos empezan dende o propio cartel da festividade, que este ano elabora o artista Alfonso Blanco e que agocha diversos símbolos da historia e da identidade da vila.

“Quería facer unha homenaxe, en primeiro lugar, ás miñas Pascuas, e a todos os elementos que había nelas. Fíxome moita ilusión, porque, tras anos facendo carteis de imprenta, este ano volveuse aos pinceis”, conta o autor, que desvela os segredos da obra: en primeiro lugar, o tributo a Casasnovas, que aparece retratado como un viandante máis na festa padronesa.

Despois, os cabaliños de Evilasio, outro dos elementos singulares da Pascua da vila, na que non faltan, tampouco, os xigantes e cabezudos. Todo ten un porque. “Os cabaliños de Evilasio teñen máis de cen anos de historia. Este ano fai un mes que morreu o que os levaba, co que tamén tiña sentido incluilo.

Os xigantes e cabezudos son un recordo ao meu amigo Tanis, que morreu hai dos anos”, destaca o artista. A última das homenaxes que agocha a peza é menos evidente, pero salta á vista para calquera veciño veterán da vila: as cores e a composición lembran as pezas de Masito Beiró, grande ilustrador da festa padronesa.

Este ano, como non podía ser de outro xeito, o propio Beiró ten un papel na dinamización da grande festividade da localidade. Unha das súas ilustracións decora un cupón conmemorativo co que a ONCE celebra a Pascua de Padrón.

“Foi unha sorpresa moi grande. Son unhas festas cunha tradición moi importante, foron das primeiras que houbo en Galicia, no ano 50 e pico. Cheguei a facer 27 carteis”, conta Masito Beiró. A imaxe escollida para o décimo foi a que ilustrou o libro da Pascua de 2003.

Os xigantes e os cabezudos, a irmandade coa Virxe de Guadalupe de Rianxo, as gaitas galegas, a colexiata de Iria Flavia ou a barca do Apóstolo son elementos que conflúen na ilustración. “Como padronés e como debuxante, sempre é unha honra participar da Pascua”, comenta Beiró.

LE AQUÍ O ESPECIAL SOBRE A PASCUA DE PADRÓN 2024 EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL SOBRE A PASCUA DE PADRÓN 2024 EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL SOBRE A PASCUA DE PADRÓN 2024 EN PDF