INTERCAMBIO

Estudantes de Cee e a Bretaña francesa comparten experiencias

No mes de maio o alumnado do IES Agra de Raíces viaxará ao país veciño

Recepción aos estudantes franceses no concello de Cee

Recepción aos estudantes franceses no concello de Cee / IES Agra de Raíces

J. M. Ramos

Un grupo de vinte e dous estudantes e dúas profesoras do Lycée Saint-Sauveur de Redón, da Bretaña francesa, participan ata o venres dun intercambio cultural co alumnado do IES Agra de Raíces, de Cee.

Este é xa o quinto ano que ambos centros educativos comparten experiencias e vivencias. En maio, do 21 ao 28, viaxarán a Francia os estudantes ceenses, segundo informa o vicedirector, Fernando Casanova.

A fin de semana pasárona coas familias de acollida e visitaron Fisterra, Muxía, Carnota, O Ézaro, Cee e Corcubión, e o luns achegáronse ao IES Agra de Raíces, onde percorreron os laboratorios, as aulas do ciclo de CAE e as instalacións deportivas, ademais de compartir un chocolate con churros cos alumnos ceenses. Pola tarde, foron recibidos pola alcaldesa, Margarita Lamela.

Este martes visitaron Lugo, hoxe coñecerán Santiago e mañá desprazaranse á cidade da Coruña, antes de emprender a viaxe de volta á Bretaña francesa o vindeiro venres.