TURISMO

Máis de 1,2 millóns para embelecer espazos turísticos de 16 concellos do litoral de Costa da Morte e Barbanza

 As axudas da Xunta están destinadas a melloras paisaxísticas de paseos marítimos, recuperar sendeiros, sinalización e crear apps

A Laracha completará a mellora das proteccións no Sendeiro de Saldoiro

A Laracha completará a mellora das proteccións no Sendeiro de Saldoiro / C. Laracha

J. M. Ramos

A Xunta vén de resolver a segunda convocatoria da liña de axudas destinadas ao embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento de máis de 2,7 M€, dos cales máis de 1,2 millóns serán para financiar 25 proxectos en 16 concellos de Costa da Morte e Barbanza.

Na comarca de Bergantiños os beneficiarios son Cabana, que embelecerá o acceso aos Picotiños (73.778 €) e A Laracha, que acondicionará os elementos de protección do Sendeiro do Saldoiro de Caión (80.000 €).

En Costa da Morte recibirán axudas os concellos de Camariñas, para instalar aseos accesibles en espazos públicos exteriores (40.434 €); Cee, para colocar un atril interactivo e crear contidos dixitais para unha guía turística, e rehabilitar o paseo marítimo (58.307 €); Corcubión, para acondicionar a capela do Pilar como sala de exposicións (63.294 €); Dumbría, para mellorar o acceso ao miradoiro do Ézaro, elaborar un mapa e contido dixital para experiencias turísticas 3D e 360º e renovar a pasarela da praia (145.000 €); Fisterra, para mellorar o litoral de Langosteira (50.000 €); e Muxía para embelecer e mellorar os accesos na senda do Río Negro (80.000 €).

En Barbanza, o concello da Pobra acondicionará o aparcadoiro na Alta e acometerá unha recuperación paisaxística da contorna (80.000 €); Boiro recuperará a Senda Río Breiro-Praia de Mañóns, instalará unha pantalla táctil no paseo marítimo de Barraña e mellorará o Centro Arqueolóxico do Barbanza (145.000 €); Carnota creará unha app turística e de control de aparcamentos (15.000 €); Muros ofrecerá información dixital online (13.394 €); Outes rexenerará paisaxísticamente o parque de Vista Alegre, a Xunqueira dos Muíños e O Areal e dixitalizará os recursos turísticos do litoral (93.176 €); Porto do Son rexenarará a zona de amarres do porto de Boa (79.999 €); Rianxo porá en valor o esteiro do Ulla e mellorará a accesibilidade aos areais (83.845 €); e Ribeira rehabilitará o Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque, actualizará contido e mellorará a accesibilidade (112.221 €).

TEMAS