CONTROIS

Quince mortos dende xaneiro: por que se dobran os sinistros mortais nas estradas coruñesas?

A metade dos accidentes graves rexistráronse nesta provincia

O exceso de velocidade foi concorrente en 1 de cada 5

Tráfico desenvolverá ata o domingo unha campaña especial

A subdelegada do Goberno, María Rivas, segunda pola dereita, na Laracha

A subdelegada do Goberno, María Rivas, segunda pola dereita, na Laracha / Delegación do Goberno

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou este martes na Laracha a campaña que a Dirección Xeral de Tráfico leva a cabo ata o domingo, día 21, para controlar a velocidade e que incidirá especialmente nas estradas convencionais (dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas.

Rivas informou que, no que vai de ano, perderon a vida nas estradas coruñesas 15 persoas, fronte ás sete que se rexistraron no mesmo período do ano anterior. “Case a metade dos accidentes máis graves e as vítimas de Galicia prodúcense en estradas da provincia da Coruña, datos moi preocupantes que evidencian que nos estamos a relaxar e a pagar con vidas nas estradas”.

Apuntou que un de cada cinco accidentes que se produce na provincia teñen como factor determinante o exceso de velocidade, “de aí a importancia desta campaña, que busca concienciar aos condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes”.

Nesta mesma liña, incidiu en que os resultados da última campaña de Tráfico, centrada no uso dos sistemas de seguridade e retención, “dan conta desa relaxación da que falamos, pois, a pesar de advertir de que a falta de uso destes sistemas estivo detrás da metade das mortes nas estradas da provincia, sancionáronse a máis de 300 persoas por non facer uso do cinto”, lamentou.

Respecto da campaña agora en marcha, informou de que está coordinada polas xefaturas provinciais de Tráfico e empregará o máximo de medios posibles, co aviso, cando sexa posible, da existencia de controis a través dos paneis de sinalización variables e nas pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

Ademais, nestes controis a DXT contará co apoio das distintas policías locais dos concellos no seu ámbito de actuación, “unha colaboración moi importante para unificar a mensaxe de respecto aos límites de velocidade establecidos independentemente da vía pola que se circule”, sinalou María Rivas.

Os controis velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade en adiantamentos e das distancias entre vehículos. Neste aspecto, convén lembrar que, en marzo de 2022, entrou en vigor a norma que impide aos condutores pasar a velocidade en 20 km/h para adiantar en vías convencionais. Ademais, reforzaranse os controis naqueles tramos máis perigosos.

Na mesma campaña de 2023 controláronse nas estradas da provincia un total de 45.631 vehículos, dos que 1.912 remataron con denuncia.