Vimianzo avoga por frear a violencia dende a escola

Promoverá tamén talleres formativos dirixidos ás entidades e axentes da mesa interinstitucional para mellorar a coordinación

No primeiro dos obradoiros participaron e alumnos do CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo. Foto: C. V.

No primeiro dos obradoiros participaron e alumnos do CEIP Plurilingüe San Vicenzo, de Vimianzo. Foto: C. V. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O Concello de Vimianzo, dentro do IV Plan de Igualdade, segue apostando pola formación en materia de violencia de xénero a través de obradoiros e actividades que teñen como obxectivo a sensibilización, concienciación e coñecemento sobre a materia entre diferentes sectores.

O goberno local, a través da axente de Igualdade municipal, Xiomara Lazo, promoverá talleres formativos básicos dirixidos aos diferentes axentes e entidades que conforman a mesa interinstitucional de cara a poder establecer procedementos de actuación coordinados para unha rápida e eficaz intervención neste tipo de casos.

Estas formacións básicas terán unha duración de cinco horas e impartiranse en tres sesións, para tres grupos: de xeito presencial, na Casa da Cultura, os días 13 e 16 de febreiro, e de forma virtual entre o 14 e o 17 de febreiro.

Ademais, con motivo do Día Mundial da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemorou o sábado, o Concello puxo en marcha actividades sobre igualdade e referentes femininos en ámbitos como a ciencia e a investigación.

O primeiro taller desenvolveuse no CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo. O alumnado desde 1º a 6º de primaria gozou de varias actividades impartidas en horario lectivo por Xiomara Lazo, quen tratou o tema dos estereotipos e a necesidade dunha ruptura. Previa visualización dun vídeo introdutorio, as nenas e nenos tiveron que completar unha sopa de letras das profesións que poden ser desenvolvidas indistintamente por homes e mulleres.

A segunda das actividades consistiu nun xogo de fichas sobre mulleres científicas, escritoras ou tecnólogas, entre outras. Ademais, ao final do obradoiro o alumnado desfrutou dun vídeo sobre o ‘efecto Matilda’.

E o vindeiro mes, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, será a quenda do alumnado do CEIP Baíñas, quen tamén poderá aprender, dun xeito dinámico, sobre mulleres traballadoras que foron referente na loita polos seus dereitos así como na preservación do medio ambiente.