Galardóns provinciais a varios colectivos pola súa labor en pro da inclusión social

A Deputación premia a Down Coruña, Teima Down Ferrol, Aspanaes, Ambar, Asponaga e Íntegro polo seu traballo no desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades

O presidente da Deputación, Valentín González, no centro, cos galardoados cos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais / deputación da coruña

O presidente da Deputación, Valentín González, no centro, cos galardoados cos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais / deputación da coruña / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A Deputación entregou onte xoves os II Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais a cinco entidades senlleiras da provincia que destacaron polo seu traballo a favor da inclusión social e a protección dos colectivos máis vulnerables. A gala de entrega dos premios, que tivo lugar no IES Rosalía Mera da Coruña, acolleu a representantes das numerosas entidades da provincia que optan a estes premios. En total, estaban representadas máis de medio centenar de asociacións que levan a cabo actividades relacionadas coa atención á infancia e a mocidade, persoas con diversidade funcional, maiores, inmigración, apoio a persoas con trastornos aditivos ou en risco de exclusión social.

Os II Premios de Boas Prácticas recaeron na Asociación Down Coruña, polo proxecto de inserción sociolaboral Quiosco Down Experiencie ubicado na praza de Ourense da Coruña; na Asociación Síndrome de Down Teima de Ferrol, polo proxecto de fomento da vida independente Marcho que teño que marchar; na Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista TEA (Aspanaes) da provincia de A Coruña, polo proxecto sociosanitario Dentisteando. programa de sensibilización, e na Asociación Ambar de Barbanza, pola súa traxectoria exemplar de apoio ás persoas con diversidade funcional desta comarca.

Os galardóns completáronse con dúas mención honoríficas para a Asociación pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga) polo seu programa de itinerarios académicos post-obrigatorios, e para Asociación Integro de Personas con Diversidade Funcional da Comarca de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, que este ano cumpriu o seu 30 aniversario.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tomou a palabra para lembrar a importancia e o papel decisivo que teñen estas entidades na sociedade. “As entidades que hoxe premiamos manteñen un compromiso constante no campo social e na protección dos colectivos máis vulnerables na provincia. Un logro que non sería posible sen o esforzo e implicación de milleiros de profesionais do eido sociosanitario que cada día traballan para ofrecer novas oportunidades e mellorar a vida de persoas en situacións especialmente vulnerables e das súas familias”, destacou.

O presidente provincial agradeceu o traballo diario de todas as persoas que traballan nestas entidades, “que permite a moitas persoas o seu desenvolvemento persoal, a igualdade de oportunidades e a mellora da calidade de vida de moitas familias a través de diferentes proxectos e servizos nos que é un orgullo poder colaborar desde a Deputación da Coruña”, indicou. “Nunha época moi complexa no eido económico, derivado dunha pandemia global e cunha guerra en Europa, aprobamos o maior investimento da historia da Deputación no eido social, cunha suba no gasto social dun 137% para estar ao carón das persoas que máis o necesitan”, afirmou Formoso. O presidente pechou a súa intervención pedindo o compromiso de todas as administracións para facer de Galicia “un lugar que non deixe atrás a ninguén, máis solidaria, e sen exclusións sociais, porque esa Galicia será un fogar para nós e para os nosos máis xusta e igual”.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que os premios naceron o ano pasado “coa idea de agradecer, visibilizar e pór en valor ante a sociedade o gran traballo que realizades as entidades sociais en cada recuncho desta provincia”, e agradeceu tamén a labor fundamental “das persoas que cada día traballan nelas para mellorar a vida de miles de persoas”.

A deputada tivo tamén un recoñecemento para as e os profesionais da área social da Deputación e dos concellos da provincia.