‘Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida’ vaise presentar o venres en Padrón

Investigadores do Observatorio do Patrimonio Lúdico darán a coñecer o libro

Esta publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego

Esta publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego / Facebook

Redacción

O Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, no que se agrupan diversas asociacións, presentará este venres 28 de abril en Padrón o libro Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida. Trátase dunha obra realizada durante o confinamento na que se recollen moitos xogos, algúns deles feitos con materiais de refugallo.

Segundo informa o Concello, na presentación participarán a investigadora Manuela Vázquez; Xosé Manuel Barreiro, de Brinquedia; Paco Veiga, de Agxpt Xogos Tradicionais; e Quico Lueiro, de Chave Santiago. E, por suposto, no citado acto poderase xogar.

Esta publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego e destinado para o enredo neses espazos reducidos en clima familiar. Trátase dunha ampla e variada mostra de xogos e brinquedos de doada realización que axudan á convivencia harmónica e, asimesmo, á socialización.

A citada publicación, que foi editada pola Deputación de Lugo, recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O libro conta coas ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseños que acompañan a descrición dos xogos. Os promotores da iniciativa lembran que, cando en marzo do ano 2020 a pandemia da covid obrigou a realizar un confinamento estrito, nos fogares de moitas familias aumentou o tempo dedicado aos xogos, buscando manter entretidas ás crianzas.

Nese momento gañaron importancia moitos xogos tradicionais e populares, que aseguraron horas de diversión para a cativada, e dos que se podían atopar exemplos na web http://www.xogostradicionais.gal desenvolvida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que durante a pandemia se ocupou de difundir estes xogos a través das redes sociais e das súas propias canles dixitais.