os datos

Redescobren os quince castros xalleiros

Castro de Freixeiro; arriba esqu. foto de 1956; .á dta, de 2003. Abaixo esqu., 2020 e mapa de sombras / curuxa

Castro de Freixeiro; arriba esqu. foto de 1956; .á dta, de 2003. Abaixo esqu., 2020 e mapa de sombras / curuxa / Marcos Manteiga

Facía falla vontade para acometer unha investigación destas dimensións, pero os mozos xalleiros de A Curuxa foron quen de lle botar luz –coa axuda do arqueólogo Lino Gorgoso– aos castros que atesoura Santa Comba, e que nunca ata o de agora foran estudados polo miúdo . En total, quince citanias, entre as que destaca polo seu enorme tamaño a de Feixeiro: ten forma de faba e uns 105.000 metros cadrados, equivalente a doce campos de fútbol regulamentarios. E por riba, ao seu carón hai restos dun posible recinto anterior, moito máis cativo. As lendas e estado de conservación completan un traballo... para a historia.

Comenzan Jorge Castelo, Roberto López e Sergio Vázquez (co apoio do citado arqueólogo) explicando os alicerces da cultura castrexa. Así, elevan a uns 3.600 os recintos fortificados da Idade de Ferro –número semellante ao das actuais parroquias galegas– e que, ao seu xuizo teñen paralelismos con outros asentamentos, xa que “na meirande parte de Europa, nas mesmas datas hai hillforts, oppidum de gran tamaño e complexidade, namentres que no NW da Península Ibérica o que sobresae, máis que o tamaño, e a cantidade. O minifundismo traballando de novo”, trasladan. Os supertamáricos, nome que lle deron os romanos aos habitantes que residían entre o norte do Tambre e a Costa da Morte, serían os seus poboadores, e a existencia de murallas fortificadas,unha das características principais.

Sergio Vázquez, esquerda, con Jorge Castelo  e Roberto López / curuxa

Sergio Vázquez, esquerda, con Jorge Castelo e Roberto López / curuxa / Marcos Manteiga

Deste xeito, os castros catalogados na capital xalleira son de tipoloxías bastante distintas: dende pequenos castriños de apenas 4.000 m2 ata a auténtica cidade que debiu ser o castro de Freixeiro, con máis de 100.000 m2. E entre estes dous extremos, “atopamos bastante diversidade de tamaños, formas, ubicacións e estados de conservación. Dende castros típicos de val, situados en zonas non demasiado estratéxicas pero con monumentais muros, como o de Ventosa, ata o impoñente castro de San Bartolomeu, coroando o cumio do monte homónimo, e cunha vista espectacular da práctica totalidade da penichaira xalleira”, indicaban.

No seu blog O son da curuxa veñen de divulgar as características dos recintos achados en Ventosa, A Torre, As Caselas, Castro de Freixeiro, Castropombo, San Bartolomeu, O Curuto do Castro, o do Porto, Xallas (actualmente, a actual igrexa), Boaña de Arriba, o de Turnes, San Cristovo, Laberco da Pallota e Barbeira.

Entre todos eles, dous teñen relevancia polas súas dimensións ou situación. O de Ventosa está emprazado nos arredores da capital municipal cunhas “abraiantes” murallas de seis metros de alto. Ademáis, especúlase con que puidera ter incluído nas súas inmediacións unha villae romana, debido a cantidade de tellas topadas. Está na entrada á urbe polas Cerdeiras, e conta “ cunha preciosa carballeira ao seu redor e hai centos de lendas que falan de potas de ouro e tesouros dos mouros”.

DEFENSAS

Respecto do de Freixeiro, as súas murallas defensivas, con algúns foxos na metade occidental, contan cun terraplén de máis de dez metros de alto, “o que fan del unha verdadeira fortaleza da idade do ferro”. Inclúe, asimesmo, dúas entradas na ladeira sur. E, como non podía ser doutro xeito, falan as lendas de que existía unha viga de ouro que conectaba o poboado antigo co actual lugar de Castro, e “fai anos, cando aínda se traballaba a terra por motivos agrícolas, teñen aparecido muíños de man e pedras de muros e construcións”, din.

E outro dos poboados que ten relevancia, pola súa ubicación e repercusión, e o de San Bartolomeu. Nel detéñense particularmente ao fío das alteracións que os tempos modernos introduciron na súa contorna. Está situado a 485 metros de altura (so superado polo mazaricano de Aro), e ocupa unha superficie de máis de 30.400 metros. Coroa o cumio do alto de San Bartolomeu, “e dende o mesmo pódese ver unha grande parte do territorio xalleiro; é dicir, que a localización do mesmo é absolutamente estratéxica”. Presenta dúas caras no barranco do monte e as outras igualmente no cumio, cunha visivilidade perfecta e unha capela, a de San Bartolomeu (século XIII), que puido ser un elemento cristianizador dunha zona que probablemente recollese moitos ritos pagáns. O máis triste, aspecto común doutros recintos, é que “sufriu un maltrato brutal durante a segunda metade do pasado siglo, cando se construiu indiscriminadamente riba del, e mesmo se achandou e arrasou o entorno da capela pra prepare un campo da festa, en datas recentes”, sen esquencer o enorme inmoble que veñen de sacar á venda.

Os mozos rematan cunha reflexión: “Se o castro de Boaña é un lugar excepcional para visitar, é porque os donos dunha das súas partes teñen unha marabillosa carballeira cunhas condicións excepcionais”, polo que “todas as persoas que posúan nalgunha das súas parcelas un elemento arqueolóxico, teñen o deber de coidala e non arrasala”.

CATALOGACIÓN CA REFORMA DO PXOM E TURISMO

··· Os autores do traballo louban que para este ano 2023 haxa “un proxecto polo cal se vai realizar unha catalogación seria de todo o patrimonio histórico do concello, co fin de actualizar o PXOM. Esto vai dotar moitos xacementos da presunta protección”

··· Como exemplos de vantaxes e alicientes destas construccións nos tempos que corren, trasladan que outros concellos da súa contorna, como Coristanco, Vimianzo, Cabana de Bergantiños ou Zas “levan apostando forte polo seu moito tempo, e a día de hoxe son o foco de numerosas visitas e excursións culturais de diversa índole”,