Áurea Domínguez á espera do PSOE para ser alcaldesa de Fisterra

Áurea Domínguez Sisto, candidata de Alternativa dos Veciños en Fisterra

Áurea Domínguez Sisto, candidata de Alternativa dos Veciños en Fisterra / Maria Velay Fotografia

A candidata de Alternativa dos Veciños de Fisterra (3 concelleiros), Áurea Domínguez, pediu este martes, en rolda de prensa, ao PSOE (2 edís) “que sexa claro e transparente” na súa posición sobre o apoio para a súa investidura como alcaldesa, sen descartar “que nun futuro se poida acordar un pacto de goberno”. Domínguez xa conta co apoio do concelleiro do BNG, Kuka Sar, quen lles comunicou “a decisión de apoiarnos na investidura sen integrarse no goberno”.

Co líder do PSOE e actual alcalde en funcións, José Marcote, mantiveron unha primeira reunión o 7 de xuño na que “nos expuxo que calquera pacto de goberno con eles pasaba necesariamente pola condición de ser el o alcalde”. Ao rechazar a súa proposta “ofreceu o apoio á investidura a Alternativa dos Veciños sempre e cando el non obtivera os apoios necesarios para ser investido alcalde”, subliña Domínguez. A xuntanza, engadiu, “rematou co compromiso do PSOE de chamarnos despois de facer unha eunión de partido nos días posteriores”.

O pasado luns, “ante o mutismo do PSOE, puxémonos en contacto con Marcote para preguntarlle se tiñan tomada algunha decisión, e a resposta foi que están á espera de ter unha reunión co secretario da organización e que de momento non teñen nada novo que dicir”.

Aurea Domínguez asegura que o seu grupo síntese capacitado para gobernar en minoría. “Temos forza e ilusión, e si conseguimos os apoios necesarios para a investidura gobernaremos dispostos a acadar os acordos que sexan necesarios con tódalas forzas políticas”. No caso de non producirse o acordo sería investido alcalde Luis Insua (PP, 5 edís), ao ser o grupo máis votado.