Eclosión musical en Carballo

O venres día dez comeza un programa de concertos de balde que implica ao movemento asociativo e aos grupos locais e que abrangue estilos tan variados como folk, pop, rock, coral ou clásico

Verónica Codesal cantará á igualdade cun repertorio que nace da tradición galega e incorpora ritmos árabes e do leste de Europa

Evencio Ferrero e as concelleiras de Cultura, Maruxa Suárez, esquerda, e Igualdade, Maica Ures, co cartel / c.c.

Evencio Ferrero e as concelleiras de Cultura, Maruxa Suárez, esquerda, e Igualdade, Maica Ures, co cartel / c.c. / suso souto

Novembro en Carballo é o mes da música. Do 10 ao 14 abrollará outra edición do programa Novembro con música, unha cita anual na que o Concello conta coa colaboración do movemento asociativo e, nesta ocasión, tamén da Deputación da Coruña, a Real Academia Galega de Belas Artes, a Xunta, a Fundación Carlos Casares e o Consulado de Uruguai.

Trátase dun ciclo deseñado para todos os públicos e todos os gustos no que haberá folk, pop, música coral, clásica... e concertos de balde para todas as idades. A programación comezará o venres 10 ás 22.00 horas no local social de Cances co XVII Live in Cances, un referente na música pop-rock para os grupos locais afeccionados e que organiza a Asociación Cultural San Campio de Cances. Nesta ocasión participarán dous grupos: Rusty Nuts e Aquilon.

O sábado 11 ás 20.30 no Pazo da Cultura, actuará Verónica Codesal no marco da xira 100 voltas, para cantar á igualdade. Ademais da súa pandeireta e a súa voz, a compoñente do grupo Ialma estará acompañada por Didier Laloy ao acordeón, Damien Chierichi ao violín e Boris Tchango na percusión para ofrecer un repertorio que nace da tradición galega e incorpora ritmos árabes, do leste de Europa e do folk-pop.

O venres 17 ás 21.00, tamén no Pazo da Cultura, a Real Academia das Belas Artes e a Xunta conmemorarán o Día das Artes Galegas cunha exposición sobre o Pergamiño Vindel e un concerto a cargo da mezzosoprano María José Ladra acompañada ao piano por Margarita Viso.

O sábado 18 ás 20.30 horas, no mesmo lugar, o Coro Aires de Bergantiños celebrará o seu 38 aniversario acompañado pola Coral da A.C. Musical Solfa de Santiago.

O domingo 19 ás 19.00 horas, tamén no Pazo da Cultura, no ciclo Sons de Aquí, con pezas tradicionais da man de AC Nemeth, ACX Arume de Verdillo, Escola do Alprende de Oza, ACS Campio de Cances e a Banda Municipal de Gaitas de Carballo.

O venres 24 ás 21.00 horas o Pazo da Cultura acollerá o concerto de música clásica da Orquestra de Cámara Galega. Na xornada do sábado día 25, ás 20.00 horas, no mesmo escenario, a Coral de Bergantiños retomará a súa actividade de celebración de Santa Cecilia acompañada doutras dúas agrupacións: o Orfeao de Ermesinde de Porto (Portugal) e a Coral Polifónica de Tomiño.

O domingo 26 ás 21.00 horas o cantautor uruguaio Walter César presentará o disco Oriental y gallego. O martes 28 de novembro e venres 1 de decembro ás 20.00, os protagonistas serán os alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo con concertos da Big Band e da Banda Municipal.

A programación foi presentada polo alcalde, Evencio Ferrero, e polas concelleiras de Cultura, Maruxa Suárez, e de Igualdade, Maica Ures.