A confraría de Corcubión quere explotar os dous polígonos da ría para a cría de mexilla

 O obxectivo é “seguir sendo autosuficientes”, afirma José Domínguez, portavoz do pósito

O conselleiro do Mar visitou o porto para coñecer as necesidades e demandas do sector

Villares, terceiro pola dereita, Domínguez, cuarto, e o alcalde sexto, no porto de Corcubión

Villares, terceiro pola dereita, Domínguez, cuarto, e o alcalde sexto, no porto de Corcubión / Xunta de Galicia

J. M. Ramos

O porto de Corcubión, que é un dos referentes da Costa da Morte na pesqueira do polbo, quere diversificar e complementar a súa actividade e, con tal finalidade, a confraría local solicitará o vindeiro ano o permiso de explotación de dous polígonos da ría para a cría de mexilla, segundo confirmou o voceiro do pósito, José Domínguez.

Asegura que eso contribuirá a un dobre obxectivo: atender a demanda dos bateeiros e axudar a evitar os problemas cos percebeiros. Ademais, engade Domínguez Buiturón, “o obxectivo é que a nosa confraría teña futuro e sexa autosuficiente”.

A pesares da escaseza de capturas de polbo na última metade do ano, o portavoz do pósito corcubionés asegura que a facturación anual “foi boa”. No que vai de ano, na lonxa de Corcubión poxáronse máis de 1.522 toneladas de produto, que xeraron unha facturación de 2.731.238 euros, segundo os datos de Pesca de Galicia.

“Poderíamos xerar aínda máis se tivésemos unhas instalacións en condicións”, engadiu, xa que “nos meses de verán temos aquí entre 15 e 20 barcos e non collen no porto”.

Os representantes da confraría local recibiron este xoves a visita do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, quenes se interesaron polas necesidades en materia pesqueira e portuaria dos profesionais do mar. Os mandatarios autonómicos estiveron acompañados tamén polo alcalde, Francisco Javier Domínguez, e por representantes do Club Marítimo Carrumeiro. Un dos temas analizados foi precisamente a construción do demandado porto mixto, para dar resposta ás necesidades da frota e da náutica.

Villares subliñou ao respecto que, a día de hoxe, o porto corcubionés acolle máis dunha vintena de embarcacións profesionais, así como a actividade do Club Marítimo Carrumeiro, “un dos máis antigos de Galicia, que desenvolve, entre outras, actividades náutico-deportivas con escolares de toda a Costa da Morte”.

“O proxecto xa está aprobado e conta co informe ambiental favorable, e o que non queremos agora é que caia en saco roto”, sinalou Domínguez. Hai que lembrar que a Xunta, na súa planificación plurianual, contempla un investimento de máis de 5,7 millóns de euros máis IVE, distribuídos en 3 anualidades.

Os representantes da confraría aproveitaron a xuntanza para demandar tamén o asfaltado da zona portuaria diante da lonxa, que actualmente presenta un desnivel.

Asemade, o pósito solicitará os permisos para poder instalar dous compresores para elaborar xeo.

TEMAS