Dende Oriente a Galicia: Os Reis Magos están a chegar

Ames, Lalín e Padrón prepáranse para recibir ás súas maxestades con grandes cabalgatas

En Brión, O Pino e Teo optarán por visitas a núcleos concretos dos municipios para atender a toda a poboación

Os festexos comezan dende hoxe

O Rei Melchor saudando durante cabalgata de Padrón no ano 2023

O Rei Melchor saudando durante cabalgata de Padrón no ano 2023 / CEDIDA

Gabriel Fernández Blach

As Súas Maxestades de Oriente xa están a ler as cartas dos cativos, e non tan cativos, que lles escribiron pedíndolles agasallos para abrir o 6 de xaneiro. Pero antes de decidir quen se portou ben, ou mal, necesitan visitar a tódolos galegos que poidan dende hoxe. Por iso, concellos de varios puntos de Galicia xa están inmersos na organización das visitas. Ademais, tamén precisan tempo para poder engulir tódolos doces e vasos de leite que lles deixarán para repoñerse da longa travesía.

A caravana dos Reis Magos de Santa Comba / cedida

A caravana dos Reis Magos de Santa Comba / cedida / GABRIEL FDEZ. BLACH

Ames é o municipio da Área de Compostela que ten a visita máis temperá. Dende onte pola tarde, os Magos están recibindo aos máis pequenos da casa nos pavillóns municipais de Bertamiráns e Milladoiro. Esta estancia tamén se está desenvolver ao longo de esta mañá e continuará pola tarde. Para acudir é necesario pedir cita previa na sede electrónica do Concello de Ames. A presenza dos Reis non acaba aí, xa que mañá visitarán as distintas aldeas do Concello ao longo de mañá. Rematarán a súa visita á capital maiá con dúas cabalgatas, unha en Milladoiro ás 17.00 horas e outra en Bertamiráns ás 19.00 horas.

En Lalín, as maxestades de Oriente chegan mañá pola tarde a bordo dun tren acompañados de 50 persoas. Nese percorrido, dende primeira hora da tarde, visitarán varias residencias de maiores do municipio. A partir das 18.00 horas, a cabalgata integrada por máis de 100 persoas transcorrerá polas principais rúas da capital do cocido. Estará conformada por cinco carrozas (as tres dos Reis Magos, a do Nacemento e a de Herodes) e repartiranse 700 quilos de lambetadas. Culminará coa recepción aos nenos para que lles entreguen as súas cartas en persoa.

En Teo tamén chegarán por tren, pero neste caso nun de verdade. As Súas Maxestades de Oriente teñen prevista a súa chegada á estación de Osebe mañá ás 15.08 horas. Despois da aventura ferroviaria, percorrerán os locais das asociacións de veciños dos diferentes núcleos (Calo, A Pontevella, Os Tilos e Rosalía de Castro) ao longo da tarde. A cita rematará cunha recepción no Pavillón Ezequiel Mosquera da Ramallosa.

O Rei Baltasar cun neno na recepción de Ames /cedida

O Rei Baltasar cun neno na recepción de Ames / cedida

En Santa Comba os Magos tamén se adiantaron a outros lugares, e xa onte fixeron unha cabalgata por parroquias. Nela visitaron 10 núcleos do Concello coa súa caravana, comezando ás 10.00 horas e rematando ás 21.00 horas. A ruta puido seguirse a tempo real pola páxina oficial de Facebook do consistorio.

Melchor, Gaspar e Baltasar volven visitar outro ano máis Padrón. O momento chegará mañá, a partir das 17.00 horas. A comitiva percorrerá as rúas da capital da Comarca do Sar. Comezarán na estrada N-550 e chegarán ata a casa consistorial, parando entremedias na Igrexa de Santiago para facer a ofrenda ao neno Xesús.

En Brión volven cara atrás no tempo e os Reis chegarán á vila nun autobús de época. A ruta comezará mañá ás 10.15 horas no Local Social de Cornanda rematando ás 20.00 horas na Carballeira de Santa Minia. Durante o percorrido haberá animación musical cunha charanga, ademais de rosca e chocolate para tódolos que se queiran achegar.

En Boqueixón non haberá cabalgata. Baltasar e os seus compañeiros farán dúas recepcións na Casa da Cultura de Camporrapado. O primeiro pase será ás 17.00 horas e o segundo ás 18.45 horas. Ademais, estarán acompañados pola representación do conto Un Nadal Máxico a cargo dunha das familias máis famosas de Galicia, Os Bolechas.