Un cuarto de século velando polo patrimonio de Bergantiños

O Instituto de Estudos comarcal conmemora os vinte e cinco anos de actividade cun ciclo de conferencias sobre xeografía, historia e cultura no Casino de Carballo

No seu haber destacan premios, libros, charlas e viaxes culturais

Membros do Instituto de Estudos de Bergantiños no punto onde nace o río Anllóns

Membros do Instituto de Estudos de Bergantiños no punto onde nace o río Anllóns / i. e. bergantiños

O Instituto de Estudos Bergantiños (IEB) suma xa vinte e cinco anos de actividades orientadas a coñecer, difundir e defender o patrimonio da comarca. Integrado por escritores, historiadores, profesores e, sobre todo, amantes da bisbarra bergantiñana, o colectivo iniciou a súa andadura en decembro de 1998 e naceu coa intención de “recoller, estudar e dar a coñecer a historia, xeografía, etnografía, socioloxía, lingua, arte e cultura de Bergantiños, ademais de promover a investigación e as publicacións sobre a comarca”, afirma o seu presidente, Xan Fernández Carrera.

Nos seus inicios puxeron en marcha actividades como o Premio de Estudos Bergantiñáns para fomentar os traballos de investigación sobre a comarca, que complementaron cun programa de visitas pola comarca denominado Andando por Bergantiños, que manteñen activo.

Froito desta iniciativa e das investigacións realizadas publicaron 19 cadernos que recollen información de 40 parroquias, as cales percorreron a pé para coñecer de preto os lugares de maior interese.

A partir do ano 2004 ampliaron horizontes creando o programa Andando por Galicia “coa intención de coñecer aqueles lugares da comunidade galega que conservan un maior patrimonio natural e histórico”, subliña Fernández Carrera. Neste tempo visitaron 24 vilas históricas galegas e as 7 cidades. Nese afán de ampliar coñecementos, en 2012 impulsaron Andando por fóra de Galicia, para coñecer as cidades e espazos naturais e históricos máis próximos a Galicia. Unha iniciativa que levou aos seus membros ata trece espazos históricos do norte de Portugal, o Principado de Asturias e a Comunidade de Castela e León.

No seu haber ao longo deste cuarto de século destacan tamén os libros O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños (2020), O Chan da Embarrada, conxunto megalítico en Ferreira-Coristanco (2021) e Monte Neme, o Olimpo bergantiñán (2023).

Conferencias, mesas redondas, a creación dunha páxina web e a homenaxe a Xosé Pumar Gándara, primeiro presidente e un dos impulsores do Instituto de Estudos Bergantiños, son outros dos fitos destacados neste cuarto de século de vida.

Territorio e paisaxe

Para conmemorar os 25 anos de traxectoria, o colectivo organizará un ciclo de conferencias no Casino de Carballo sobre aspectos xeográficos, históricos e culturais da comarca. Comeza o venres, día 9, coa conferencia Territorio e paisaxe de Bergantiños, a cargo do xeógrafo Augusto Pérez Alberti, e continuará o día 23 coa ponencia Potencial arqueolóxico de Bergantiños, a cargo da arqueóloga Puri Soto.

Xa en marzo, o día 8, o historiador Luis A. Giadás Álvarez disertará sobre A cabeza do lobo. Os Moscoso en Bergantiños, e o día 21 será o turno do mestre e filólogo Fernando Cabeza Quiles, quen porá luz á Toponimia bergantiñá. Pechará o ciclo o historiador Xan Fraga Rodríguez, o día 5 de abril, coa conferencia Historia da vila de Carballo. Todas as charlas comezarán ás 20.00 horas, e para o seu desenvolvemento o Instituto de Estudos Bergantiños conta coa colaboración do Espazo Casino 1889 e do Concello de Carballo.