LITORAL

Recuperada a Ribeiriña da Pobra como espazo de desfrute veciñal

Elimináronse vellos elementos da actividade industrial e creouse unha senda litoral

O investimento ascendeu a 800.000 euros

Vidal, esquerda, Sobrido, Rivas, Lojo e Blanco na nova senda peonil da Ribeiriña

Vidal, esquerda, Sobrido, Rivas, Lojo e Blanco na nova senda peonil da Ribeiriña / C. A Pobra

J. M. Ramos

A valorización da fachada marítima da Ribeiriña e a recuperación dun espazo natural para desfrute da veciñanza xa é unha realidade, despois de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico investise 800.000 euros nunha intervención nos terreos de dominio público marítimo-terrestre cuxa concesión se lles outorgara, na época correspondente, ás fábricas La Onza de Oro e Hadasa.

O resultado son aproximadamente 5.500 metros cadrados integrados na paisaxe coa supresión daqueles elementos con impacto visual negativo: demolición da explanada, coieiras e ramplas. Optouse, ademais, por outorgarlle valor engadido cunha senda litoral para percorrer esta contorna natural.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada, María Rivas, acompañados polo alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, e a concelleira de Obras, Patricia Lojo, percorreron este luns o espazo para comprobar o resultado.

Pedro Blanco lembrou que a este investimento hai que sumar os máis de 400.000 euros destinados con anterioridade ao paseo dos Areos, e outros 3,8 millóns investidos na extensión de banda ancha e no cambio de alumeado. A estes proxectos hai que engadir as aportacións ao Plan de Sustentabilidade Turística Barbanza-Arousa e as axudas á mancomunidade comarcal. “Seguiremos traballando para que A Pobra estea onde lle corresponda: ser un dos concellos máis importantes desta comarca como destino turístico”, concluíu.

O rexedor indicou que esta acción, ademais de crear unha zona de lecer para a cidadanía, tamén posibilitou a recuperación de parte da praia que permanecera oculta ata o de agora polo recheo que se fixera no seu día para a actividade das factorías.

“Contamos agora cunha ampla superficie para pasear a carón do mar e agardamos que nun futuro se poida incrementar”, apuntou. Con relación a isto, referiuse a que a administración local opta polo derribo da estrutura de Hadasa, polo que se continúa traballando ao respecto, “se ben é complexo debido ás circunstancias desta propiedade privada”.

Vidal engadiu que, á actuación executada polo Goberno central, se suman outras promovidas polo Concello para a revitalización da Ribeiriña como, por exemplo, o acondicionamento da contorna do centro sociocultural, por un importe de 47.314 euros, pero tamén dotando ao rural de iniciativas como o xardín veciñal ou clases de distinta natureza. “Pequenas accións que, xuntas, buscan un gran cambio”, remarcou.

Deseguido, desprazáronse ao consistorio, onde o delegado do Goberno asinou no libro de honra do Concello e recibiu unha dorna de cerámica como obsequio institucional.

TEMAS