Elevada afluencia de público ás dez presentacións literarias amesás dos últimos sete meses

O alcalde Blas García puxo á capital maiá como exemplo de “referente e refuxio cultural”

Acudiron escritores como Nazaret López, Carlos Negro, Margarita Murillo ou Marga Cancela

Nazaret López, á esquerda, co rexedor amesán Blas García

Nazaret López, á esquerda, co rexedor amesán Blas García / N.L.

O departamento de Bibliotecas Municipais de Ames, co alcalde Blas García á fronte, impulsou por terceiro ano consecutivo as presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios para dar a coñecer a novos autores e difundir a obra dos consolidados. Foron, en total, dez posta de longo.

No primeiro encontro literario da tempada 2023-2024, o protagonismo foi para a escritora e xornalista amesá, Nazaret López, que presentou a súa segunda obra Pecados veniais, editada por Xerais. A segunda foi a de Patria de Maeloc, editada por Toxos e Soutos, de Luciano de Monfadal. En decembro, quenda para Carlos Negro, veciño de Ames e profesor no IES de Ames, que presentou O tempo dos lagartos. Xa no mes de febreiro, a protagonista foi Ana Valín, con La muerte de Alicia.

No mes de marzo

No mes de marzo tiveron lugar dúas presentacións: a obra A conto do político, do escritor e político Alfredo Conde; e o manual El libro que tu perro quiere que leas, de Patricia Guerrero, mentres que o sexto encontro literario tivo como protagonista ao médico, político e escritor Tuco Cerviño, que presentou a súa primeira obra Un taxi verde e un concerto, editada por Galaxia. Unha semana despois foi a ocasión da veciña e empresaria do Milladoiro Margarita Murillo, que trouxo a súa obra Protocolo e Imagen: Relevancia protocolaria de la imagen. E xa neste mes de maio tiveron lugar os dous últimos encontros da tempada. A primeira foi a narradora e poeta amesá Mariña Pérez Rei, que presentou a súa última obra Finximentos, editada por Xerais. A encargada de pechar este terceira edición foi a profesora Marga Cancela, co seu libro O clamor das Virxes, cuxa editción veu da man de Medulia Editorial.

 Blas García destacou a “gran afluencia durante toda a edición e a cantidade de autores de Ames que pasaron por este Pazo a presentar o seu libro é un gran indicador do talento e do nivel cultural existente no concello”. O rexedor non deixou pasar a ocasión de poñer a Ames de exemplo como “referente e refuxio cultural”, remataba.