A USC creará 49 prazas de profesorado axudante doutor no vindeiro curso académico

É a figura a través da cal se produce a incorporación de novos docentes á Universidade // Preténdese garantizar o relevo xeracional e reducir a taxa de contratos temporais

Un estudiante camiña por diante da centenaria facultade de Farmacia da USC. jesús prieto

Un estudiante camiña por diante da centenaria facultade de Farmacia da USC. jesús prieto / lorena rey

A Universidade de Santiago trata de reforzar os procesos de renovación do seu profesorado, na procura da redución da súa idade media e da taxa de contratos temporais. Para iso, a institución académica creará 49 prazas de profesorado de axudante doutor no vindeiro curso 2023-2024, segundo se comunicou no Consello de Goberno de onte, no cal se aprobou a planifación do persoal docente e investigador (PDI) ao longo de 2023.

“A figura de profesor axudante doutor é a figura a través da cal se produce a incorporación de profesorado novo á Universidade. Non é a única vía pero é a que estamos utilizando, igual que outras universidades, para o reclutamento de novo profesorado”, explica en detalle o vicereitor de Profesorado Ernesto González Seoane. Estas preto de cincuenta prazas que se crearán permitirán reforzar os cadros de profesorado nas áreas de coñecemento nas que se producen xubilacións e estas quedan descubertas para a docencia. “Tratamos de que ao inicio do vindeiro curso os recursos humanos sexan suficientes para atender as obrigas”, relata.

Ademais, dende a USC pretenden incidir sobre algunhas áreas que están especialmente avellentadas, nas que non se produciu incorporación de profesorado nos últimos vinte anos, “porque hai casos deste tipo”. En definitiva, estas prazas teñen o obxectivo de incorporar profesorado novo. “Esperamos seguir traballando na contención das medias de idade moi elevadas que ten a USC e para facelo de forma significativa temos que incorporar moito profesorado novo, polo que ten que ser unha política continuada no tempo”, di.

Polo que se refire ás previsións de xubilacións e baixas de profesorado para o exercicio 2023, nestes momentos a cifra ascende a 44 profesores e profesoras, se ben se espera que este número poida chegar, tal e como vén sucedendo nos últimos anos, aos sesenta efectivos.

A planificación tamén contempla a creación de seis prazas de profesorado asociado, 1 de profesorado titular, e 4 de profesorado contratado doutor con vinculación asistencial. Con respecto á promoción e estabilización do persoal en categorías de profesorado con vinculación permanente, a planificación propón a creación dun total de 30 prazas de profesorado contratado doutor e 19 de profesorado titular. Ademais, resérvanse 5 prazas de profesorado contratado doutor e 3 de titular para a estabilización de investigadores procedentes do programa Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia. Finalmente, no relativo á promoción do profesorado acreditado, crearanse 23 prazas de profesorado titular e 50 de catedrático/a.

Ao respecto, o vicereitor de Profesorado incide en que as prazas de profesorado contratado doutor, de profesorado titular e catedrático de Universidade representan “distintos chanzos” na progresión da carreira académica, a medida que se van obtendo acreditacións para esas figuras de categoría superior. “O que plantexamos é a estabilización do profesorado axudante doutor que finaliza os seus contratos a finais de 2024 e convertilos en figuras de profesorado permanente”, detalla.

Por outra banda, na Universidade creáranse no pasado bolsas de profesorado acreditado que non daban a oportunidade de progresar na carreira académica, “que agora se eliminan para que a xente que se vai acreditando para outras figuras e avanza na súa carreira con produción científica relevante poida realmente progresar”.

Esas bolsas eran na súa maioría de contratados doutores acreditados a titulares e de titulares acreditos a cátedra. Estes últimos eliminaranse coa actuación prevista este 2023 de renovación de profesorado PDI. “Os departamentos presentaron 58 solicitudes de creación de cátedra e atendéronse cincuenta. Hai oito que están acreditados dende hai menos de catro meses. Trátase de que a xente non teña que esperar anos e anos por unha oportunidade e ofrecerlle a posibilidade de avanzar en tempo razoable”, reiterou Gonzáles Seoane.

O Consello tamén aprobou a Oferta de Emprego Público derivada da planificación antes descrita, a transformación de contratos de profesorado colaborador a profesorado contratado doutor, a convocatoria e comisións de selección de prazas de profesorado permanente, a actualización da táboa de asignación de complemento por mérito docente, as solicitudes de licenzas de ano sabático 2023-2024 e o recoñecemento do interese para a USC da realización, por parte de persoal da Universidade, de actividades de investigación na Axencia Galega de Innovación (GAIN).