Premiada da USC á calidade lingüística: “Só se usou o galego en dúas asignaturas da carreira”

Lucía Méndez, de Farmacia, en representación do alumnado galardoado no curso 2021-22, ve discriminado o idioma nas ciencias // O reitor valora “a aposta cultural” da convocatoria

Premiados e premiadas da USC polos seus traballos en galego, con Antonio López, Núñez Singala e Valentín García  / |  S.ALVITE

Premiados e premiadas da USC polos seus traballos en galego, con Antonio López, Núñez Singala e Valentín García / | S.ALVITE / lorena rey

A Universidade de Santiago entregou onte os premios á calidade lingüística dos traballos presentados en galego no curso 2021-2022 nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolveu no Paraninfo da Universidade. O evento contou coas intervencións do director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala; e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Os galardóns serviron para distinguir traballos académicos, Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM).

Lucía Méndez, en representación do alumnado premiado, agradeceu no acto a concesión dos galardóns. “O galego é unha lingua rica, diversa e actual”, afirmou, “que nos conecta coas nosas raíces e coa nosa riqueza cultural”. Foi premiada en Ciencias da Saúde polo seu TFG Hidroxeles peptídicos sensíbeis ao pH, cando cursaba Farmacia. “Foi a primeira vez que recibín este galardón e non mo esperaba para nada. Estou especialmente contenta de que existan estos premios para que se aposte polo uso do galego”, dixo.

Durante os cinco anos de carreira, finalizados o pasado mes de xuño de 2022, asegurou que tan “só se usou o galego en dúas asignaturas”. Na actualidade cursa o doutoramento, onde aprecia que “en ciencia apenas se emprega o galego”. É consciente de que o uso deste idioma require “un maior esforzo” xa que os “termos científicos soen aparecer en castelán e non hai moitos sitios onde se poidan atopar en galego”. A pesar disto asegurou que dende o primeiro momento tiña claro que faría o seu traballo de fin de grao en galego. “Hai quen se animou a facer o mesmo pola existencia destes premios pero considero que debe haber unha maior información sobre os mesmos”, manifestou.

Pola súa parte, o reitor explicou na súa intervención que “esta convocatoria demostra que o galego tamén é unha lingua para facer ciencia e investigación, así como para dar conta dos avances investigadores en calquera ámbito de coñecemento. López valorou que a pesar de ser uns premios humildes no económico, “o seu valor reside na súa aposta cultural”. Asegurou, ademais, que a USC seguirá traballando para incrementar a participación nesta convocatoria porque “cada xesto que facemos é unha aposta pola nosa cultura e particularmente pola lingua como instrumento normal no eido da investigación e do ensino”.

Pola súa parte, Valentín García subliñou que Galicia conta cunha cultura e unha lingua propia que “agardamos manteñades presente na vosa vida profesional xa que sodes representantes dunha cultura prestixiosa con gran vitalidade”. Núñez Singala foi o encargado de dar lectura á acta do xurado e lembrou que preto de 200 candidaturas concorreron a esta edición dos Premios á Calidade Lingüística.

Algúns dos premiados

No caso dos traballos académicos outorgáronse cinco premios de 150 euros. Cinco son tamén os galardóns para os TFG, modalidade na que a cantidade de cada premio ascende ata os 300 €.

Finalmente, no caso dos TFM, os cinco galardóns están dotados de 500 euros cada un.

Na modalidade de traballos académicos, na área de Arte e Humanidades, resultaron galardoados Análise lingüística de narracións orais da lenda da Virxe da Cela, de Brais Costas Fragueiro, do 3º curso do Grao en Lingua e Literatura Galegas; e Figuras femininas na literatura alemá da época medieval, de Pedro Rey de la Vega, do 2º curso do Grao en Lingua e Literatura Modernas.

En Ciencias distinguiuse Campañas electorais. Modelo de fluxo de votantes nun sistema de catro partidos, de Diego Martínez García, Yago Méndez Domínguez, Francisco Morales Vidal, Ángel Mourelle Abelenda, Lois Omil Pazos e Javier Polo Noche, do 4º curso do Grao en Matemáticas. Entre a reinserción do delincuente e a reparación das vítimas. Os fins do proceso penal á luz da doutrina Parot e da prisión permanente revisable e Memoria do Prácticum II foron os traballos premiados en Ciencias Sociais e xurídicas.

O Traballo Fin de Grao premiado en Artes e Humanidades foi We shall overcome O movemento da acción civil a través da teoría da acción colectiva (1954-1968), de Aloia Insua González. O concepto de infinitesimal, un percorrido histórico, de Carlos Ben Arribí; e Optimización da expresión de proteínas en Pichia Pastoris (Komagataella Phaffi), de Alba Mato Búa, foron os traballos premiados en Ciencias. Tamén se recoñeceron traballos en Ciencias Sociais e Xurídicas, en Enxeñaría e Arquitectura e Ciencias da Saúde.

En Arte e Humanidades, premiouse os TFM Mobilización e cambio políticona comarca de Chantada (1973-1983), de Alejandro Varela Rubín; e Fiestras abertas na escola. Un achegamento ao papel do patrimonio en experiencias pedagóxicas galegas renovadoras, de Iria López López, entre os cinco da categoría.