pleno municipal

CA denuncia falta de mantemento no ascensor de Triacastela

O ascensor de Triacastela empezou a funcionar en abril de 2019

Ascensor da rúa Triacastela / a. hernández

Ascensor da rúa Triacastela / a. hernández / redacción

Redacción

Compostela Aberta preguntará no próximo pleno pola situación na que se atopa o ascensor de Triacastela, “vítima dun absoluto desleixo por parte do Goberno de Bugallo durante todo o mandato”. O concelleiro Xan Duro lembrou que “a veciñanza da zona leva moitos meses, mesmo anos, denunciando a falta de mantemento do elevador, que está continuamente sucio e do que mesmo faltan pezas embelecedoras”. Duro sinalou que o ascensor de Triacastela, que empezou a funcionar en abril de 2019, “era unha demanda histórica da veciñanza de Fontiñas e de San Pedro, porque permite salvar os 12 metros de desnivel entre ambos barrios, ata entón conectados unicamente cunha escaleira de máis de 60 chanzos”. O concelleiro explicou que a actuación é moi importante en termos de accesibilidade, “porque facilita o acceso da veciñanza a servizos como o centro de saúde, e tamén dos residentes de Fontiñas cara o centro histórico”. Malia iso, durante este mandato “foi evidente o abandono do ascensor por parte do Goberno, que non se ocupou nin da súa limpeza nin do seu mantemento”. Duro advertiu que “tal e como vén denunciando a veciñanza, este desleixo só fai que o elevador se deteriore, e que sexa vítima do vandalismo”.

TEMAS