Santiago dispón de máis de oitenta metros cadrados de zonas verdes por habitante

Creouse un catálogo con 8 sendas // O Concello presentará este mes a súa proposta de tasa turística

Senda Río Sarela

Senda Río Sarela / Javier Rosende Novo

O proxecto “Sendas de Santiago” que consiste nun catálogo composto inicialmente por oito sendas naturais que amosan a relación existente entre o núcleo urbano de Compostela e a súa contorna foi presentado onte polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, no Pazo de Raxoi. Segundo apuntou Guinarte, o proxecto ten o dobre obxectivo de “dirixirse a dous segmentos turísticos importantes para o modelo turístico da cidade, o turismo de natureza e o turismo familiar, ademais de ser ferramenta para ofrecer alternativas que permitan descentralizar os fluxos turísticos que se concentran na Catedral e no Casco Histórico”.

As oito sendas naturais están pensadas para acceder camiñando desde a cidade, de curta e media duración e pouca ou ningunha dificultade, que se poidan realizar nun máximo de medio día e orientadas a familias, persoas con mobilidade reducida, cicloturistas ou sendeiristas.

Os espazos verdes da cidade inclúen parques, xardíns, hortas e ríos e paisaxes, que se complementan coas zonas non urbanizadas das parroquias, que seguen conservando a súa estrutura rural. Xuntando os metros cadrados de zonas verdes que xestiona directamente o Concello de Santiago ás zonas administradas pola Xunta e a USC corresponden máis de 80 metros cadrados por habitante, por riba da media recomendada pola Organización Mundial da Saúde, que é de 10-15 metros por habitante.

As oito sendas que se deseñaron son: Río Sarela Arriba; Río Sarela Abaixo; Finca do Espiño, Selva Negra e Granxa do Xesto; Monte Pedroso; Río Sar, Muiño de Parceiros; Río Sar, Bosque do Banquete de Conxo; Bosque de Galicia, Cidade da Cultura, Parque do Lago; e Monte Viso, Senda mitolóxica.

Na rolda de prensa de presentación do catálogo anunciouse, ademais, que neste mes de marzo o Concello presentará á Xunta a súa proposta para implantar a tasa turística. Ao respecto, Sindo Guinarte, explicou que o seu departamento xa preparou un estudo técnico sobre “como pode establecerse ese modelo de imposto en Santiago”.