Goretti Sanmartín: “É necesario un compromiso para dotar de saneamento e abastecemento parroquias como O Carballal”

Mantivo un encontro coa veciñanza do Carballal e trasladáronlle a necesidade de arranxar o local social e de ofrecer máis actividades socioculturais

Imaxe do encontro coa veciñanza do Carballal

Imaxe do encontro coa veciñanza do Carballal / ECG

Redacción

O BNG mantivo un encontro coa veciñanza do Carballal en que Goretti Sanmartín se comprometeu a levar adiante o Pacto polo rural, a comezar por buscar solución para o saneamento e o abastecemento de auga. Ademais de Goretti Sanmartín, tamén participaron na visita Pilar Lueiro, Concha de la Fuente e Marisa Gil, que recolleron as propostas veciñais.

O Carballal era unha das parroquias citadas -xunto con Busto, Cesar e Santa Cristina de Fecha- por seren lugares en que ningún dos seus núcleos ten saneamento nin abastecemento, segundo explicou Goretti Sanmartín. Ante a falta de execución do Pacto polo rural por parte do Goberno local do PSOE, as medidas recollidas no documento posporanse a 2023-2030.

Cómpre o arranxo de redes viarias, coa pavimentación dos accesos aos principais núcleos de poboación de Lamas, As Quintás, Piñeiro, A Castiñeira e Tarrío. A iso súmase a limpeza das pistas forestais. Santiago recibe importantes cantidades do POS da Deputación por ser un concello rural, mais logo as parroquias están peor que as dos concellos da contorna.

“Desde o BNG procuraremos unha solución urxente para o terreo fronte ao cemiterio que a veciñanza reclama para uso colectivo”, indicou Goretti Sanmartín. É necesario avanzar neste trámite para facer unha pista multideporte que propón a veciñanza.

Ademais, considera necesario amañar o local social que, entre outras deficiencias, non ten calefacción. Ademais, propón incrementar as actividades socioculturais.

Outra das apostas do BNG é poñer en valor o patrimonio, tanto o relixioso da igrexa e do cruceiro, como a fonte das Quintás e, de maneira especial, o etnográfico e arqueolóxico como o Castro da Devesa.