Melloras na conexión de bus co Castiñeiriño con novas paradas das liñas C5 e C6

O obxectivo destas novas rutas consiste en facilitar a integración do Gaiás co centro da capita galega

Xosé Sánchez Bugallo coa veciñanza do barrio do Castiñeiriño.

Xosé Sánchez Bugallo coa veciñanza do barrio do Castiñeiriño. / k.m.

Co novo servizo de transporte urbano as rutas do C5 e C6 renovarán o seu percorrido “reforzando a integración da Cidade da Cultura coa cidade”, ao tempo que melloran a conexión co Castiñeiriño. Así llo trasladou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, á veciñanza da zona nun encontro celebrado no Centro Sociocultural do Castiñeiriño no que participaron tamén outros membros do goberno e da candidatura, segundo un comunicado difundido polo grupo municipal socialista de Santiago.

Con paradas no Castiñeiriño, rúa da Estrada e Paxonal, as novas liñas C5 e C6 “pretenden mellorar a conexión do barrio co centro da cidade nuns horarios e frecuencias lóxicas”, segundo explicou o rexidor compostelán, que fixo balance ademais das actuación levadas a cabo no barrio durante o seu mandato, como é o caso do novo Campo da Festa, o renovado parque de Alfredo Vicenti ou as melloras na conexión ao saneamento nas rúas Manuel Vázquez Cacharrón e Portomarín.

No que se refire ao transporte urbano, a licitación do contrato da concesión deste servizo para o término municipal de Santiago foi aprobada a mediados deste mes de abril na xunta do goberno local. Un contrato no que consta que o prezo do billete ordinario pasaría a ter un coste de 1,58 euros no próximo exercicio con respecto á tarifa actual de 1 euro. Circunstancia esta na que non obstante desde Raxoi explicouse que a contía do incremento dependería en gran medida do que determinara a empresa adxudicataria do contrato e as posibles compensancións e subvencións por parte da administración pública. No desglose de prezos recollido no pliego de licitación, a nova tarifa base do servizo que establece para este contrato é de 1,58 euros, de 0,63 para o billete escolar, 0,71 por viaxe para o bono ordinario, 0,55 co bono escolar e 0,63 co mensual.

Desde o goberno municipal recoñeceron que os prezos subirán, aínda que non se sepa a cantidade na que no farán, posto que están conxelados desde 2011, e admitiron que “os usuarios seguirán contando coas bonificacións dos diferentes bonos de transporte, como é o caso do bono para pensionistas, e tamén continuará o bono por carencia de recursos, sen coste algún para a persoa usuaria”.

O presuposto base de licitación, tal e como consta no informe remitido á Oficina Nacional de Evaluación, ascende a 86.014.581,21 euros, aínda que o seu valor estimado é de 225.438.467,30 sen o IVE.

O informe inclúe un presuposto de vinte millóns para a renovación da flota, de 58 autobuses, a realizar ao inicio do contrato. Trece deles serán cen por cen eléctricos e os outros 45 cero emisións.