O PP tacha de “inaceptables e antisociais” as novas condicións do transporte urbano dadas a coñecer por Bugallo

José Antonio Constenla considera que “non é de recibo que despois de estar todo o mandato de brazos cruzados, agora o Goberno socialista se saque da chistera un contrato que regulará este servizo para os vindeiros 13 anos e que suporá que cada usuario teña que pagar case dous euros por un billete, o que é unha barbaridade; e todo iso sen ter consultado con ninguén”

Varios autobuses en la parada de San Roque

Varios autobuses en la parada de San Roque / Antonio Hernández

Redacción

O Partido Popular considera “inaceptables, abusivas e antisociais” as condicións do novo contrato de transporte público que deu a coñecer o Goberno socialista. Para o voceiro Popular, José Antonio Constenla, o Grupo de Goberno “tivo catro anos para sacar a diante un dos contratos máis importantes para a cidade”, pero decidiron “esperar a que tan só quede pouco máis dun mes para as eleccións municipais para revelar algunha das características da nova licitación”.

O voceiro popular considera que “non é de recibo que despois de estar todo o mandato de brazos cruzados, agora o Goberno socialista se saque da chistera un contrato que regulará este servizo para os vindeiros 13 anos e que suporá que cada usuario teña que pagar case dous euros por un billete, o que é unha barbaridade; e todo iso sen ter consultado con ninguén para confirmar a necesidade de frecuencias, tipo de vehículos ou horarios, entre outras cousas”.

Co novo contrato, “os usuarios presumiblemente pasarán a pagar máis do 70% nun só billete de autobús xa que, neste momento, unha viaxe sae nun euro e, co novo contrato, custará 1,58, sen IVE, e os pensionistas que pasen dos 100 viaxes terán que aboar 50 céntimos por traslado, cando, ata o de agora, podían viaxar sen custe algún”, remarcou.

José Antonio Constenla agrega que a subida de prezos afectará tamén aos bonos, tanto ao ordinario como ao escolar, así mesmo manifestou o seu temor “a que estas subas sexan maiores, xa que, aínda que o Concello abona unha parte do servizo, todo apunta que non o seguirá a facer do mesmo xeito, no caso de que das urnas o vindeiro 28 de maio saia un Goberno distinto ao que poda ofrecer o Partido Popular, con Borja Verea ao mando”.

Así mesmo, Constenla Ramos advertiu que os abusos das condicións deste novo contrato non quedan aquí xa que o autobús que viaxa ao aeroporto Rosalía de Castro pasará a custar dun euro a 6 euros/viaxe de ida e 10, ida e volta, “sen que o Goberno socialista, co seu característico escurantismo, explique se esa subida afectará a todos os viaxeiros o só aos usuarios que empreguen a instalación aeroportuaria”.

O popular denunciou a actitude “infantiloide e trasnoitada” do actual alcalde socialista que, “agochado en catro anos de inmobilismo, agora fai declaracións que buscan culpar á oposición do seu desgoberno e apatía, pero que segue co seu modo de gobernar protagonizado por facer as cousas tarde e mal, ademais de por ocultar información ao resto dos grupos da corporación”.

Finalmente, o voceiro Popular destacou que, aínda que o Goberno socialista acabe de dar os pasos para avanzar neste importante contrato, cabe destacar que os autobuses non están dispoñibles ata dentro de máis de dous anos.