Dous microbuses darán servizo de transporte urbano á demanda no rural dentro da capital galega

Está previsto aprobar unha partida de medio millón de euros con cargo a remanentes para a adquisición destes dous vehículos

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, durante o seu percorrido con veciños pola zona de Busto.

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, durante o seu percorrido con veciños pola zona de Busto. / k.m.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou nun encontro coa veciñanza de Busto máis detalles relacionados co funcionamento do transporte a demanda que porá en marcha, e que vén da man da renovación do servizo de transporte urbano que seguirá dando servizo ás vías troncais da cidade.

Un servizo de transporte a demanda no que “a través dunha páxina web, dun teléfono ou da propia asociación de veciños”, cada persoa poderá solicitar o servizo de transporte urbano. No caso de Busto, segundo explicou o rexedor municipal, existirá unha ruta de autobús que conectará Cesar, Barciela, o propio Busto e Nemenzo.

Hai que ter en conta que se está a falar dunha extensión de máis de vinte quilómetros de ruta, polo que a organización, canalizando as solicitudes da veciñanza a través dos diferentes mecanismos dos que se dispoña, será fundamental para poder ofrecer un servizo de transporte que sexa realmente áxil e práctico para a veciñanza do rural”, segundo explicou o alcalde compostelán.

Será no pleno extraordinario, inicialmente previsto para o próximo 10 de maio, no que se aprobará o reparto de remanentes, dos que medio millón de euros irán destinados á adquisición destes dous microbuses, que serán os encargados de prestar un servizo inicial “sen prexuízo de que, despois dun tempo, poidamos reforzalo con algún outro vehículo” a maiores.

Reparación das pontes de Barcavella e Castro

Ademais do rexedor municipal e candidato á alcaldía polo PSdeG, no encontro cos veciños participaron o concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños; de Medio Ambiente, Mila Castro, a de Facenda, Marta Abal, e Isabel Gómez, integrante da candidatura e veciña do rural norte.

Durante a reunión, os veciños trasladaron a necesidade de reparar dúas pontes que están situadas nas aldeas de Barcavella e Castro, unha petición ante a que o alcalde asegurou que estas actuacións realizaranse pola vía de urxencia.