Unha falsa alarma dun incendio nun piso en Santiago, única incidencia nunha noite de San Xoán de récord

A Policía Local impuxo dúas sancións administrativas e outra penal por alcoholemia

Na xornada de onte foron milleiros os composteláns que saíron ás rúas da cidade para festexar por todo o alto a noite meiga de San Xoán. Con 24 cacharelas públicas e 567 privadas, este ano foi todo un éxito de participación onde todo os veciños que quixeron, puideron degustar as tradicionais sardiñas con pan de millo.

Pero ademáis da gran afluencia de xente ás diferentes cacharelas montadas por toda a cidade, tamén hai que felicitarse pola boa organización e seguridade que houbo nelas. Este xornal púxose en contacto con Xan Duro, concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, que manifesta que a noite "pasou moi tranquila, foi un San Xóan de récord". Así mesmo, sinala que "non temos datos oficiais de asistencia pero nós visitamos as diferentes cacharelas da cidade e o número de xente era moi por enriba do habitual".

En canto ás incidencias da xornada, o concelleiro explica que "os Bombeiros tiveron que saír a un aviso que finalmente foi unha falsa alarma na rúa do Home Santo, porque alguén confundiu o fume das cacharelas con que estaba a arder un piso". Para garantir a seguridade nunha noite onde o alcohol e o lume poden xogar malas pasadas, Duro salienta que "dobramos a quenda nos Bombeiros e na Policía Local para ter a vixilancia e o control das cacharelas" e o resultado foi que "non houbo ningún problema".

Dispositivo de control do tráfico

Nas xornadas previas o San Xoán xa se avisaba que os diferentes corpos de seguridade do Estado levarían a cabo controis a calquera hora e en calquera estrada. O responsable de Mobilidade afirmou que "a Policía Local de Santiago impuxo dúas sancións administrativas e outra penal por alcoholemia".