Do 31 de xullo ao 1 de setembro: cortes de tráfico por mor da reurbanización de Rodríguez de Viguri

Este peche da circulación permitirá, segundo a Xunta, axilizar as obras 

Os vehículos que circulen en sentido ascendente pola avenida de Lugo deben desviarse pola rúa Monte dos Postes cara á rúa do Camiño Francés e viceversa

Os traballos forman parte da remodelación desta rúa da contorna do edificio administrativo da Xunta, cun investimento de 1,6 M€

Mapa descritivo do corte de tráfico previsto e os desvíos dispoñibles

Mapa descritivo do corte de tráfico previsto e os desvíos dispoñibles / Xunta

Redacción

As obras de reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri de Santiago farán necesario o corte de tráfico na rúa a partir do vindeiro luns 31 xullo e ata o vindeiro 1 de setembro. Este peche da circulación permitirá que poidan traballar dous equipos de xeito simultáneo co fin de avanzar con maior axilidade nas obras. Esta programación deseñouse tendo en conta que se trata da época de menor afección ao tráfico nesta zona, ao non funcionar o transporte escolar e coincidir coa menor actividade no complexo administrativo por mor das vacacións estivais.

Os traballos forman parte da remodelación desta rúa da contorna do edificio administrativo da Xunta, cun investimento de 1,6 M€ e que permitirá dispoñer unha zona de parada de autobús, dous itinerarios para ciclistas e estacionamentos de bicicleta. A parada terá capacidade suficiente para 5 autobuses de liña regular ao mesmo tempo, dando servizo tamén aos urbanos que conectan co aeroporto e coa estación intermodalA parada de autobús situarase na rúa Monte dos Postes, a carón do Conservatorio, para o transporte urbano, e no carril segregado da glorieta final da rúa, para o transporte de San Caetano.

No que se refire ao tráfico, os vehículos que circulen en sentido ascendente pola avenida de Lugo deben desviarse pola rúa Monte dos Postes, cara á rúa do Camiño Francés.

O tráfico que vaia cara á avenida de Lugo desde a rúa do Camiño Francés, debe baixar cara á rúa Monte dos Postes.

O aparcadoiro na rúa Anxo Casal pechará o acceso que dá cara á rúa Rodríguez de Viguri, empregando como único acceso o existente na praza da Paz.

Remodelación da avenida

As obras permitirán a reorganización e reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.

Na intervención inclúese a reorganización, ademais, dos fluxos peonís e ciclistas para dar acceso ao complexo administrativo co obxecto de minimizar as interferencias e mellorar a conexión peonil dos viaxeiros no intercambio modal.

Esta actuación está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19 e vinculada á obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano.