Así quedará o novo edificio Administrativo de San Caetano

A Xunta urbanizará unha praza pública entre as oficinas e as instalcións dos Bombeiros

34,6 millóns de euros para a nova Cidade de San Caetano

Javier Rosende Novo

Redacción

En tres semanas inicianse as obras do novo edifico administrativo de San Caetano. Polo momento, construiranse dous dos catro bloques previstos no solar no que se asentaba a antiga estación de autobuses. A Consellaría de Infraestruturas desvelou onte novos detalles dun inmoble que busca reducir o consumo de enerxía e primará a ventilación para evitar contaxios no caso de pandemias como a da Covid.

Mentres non se edifican os outros dos módulos, a Xunta reurbanizará a contorna. O espazo entre as novas oficinas de San Caetano e as instalacións do parque de Bombeiros de Santiago quedarán a disposición da cidadanía como espazo público.

“O edificio é flexible na súa configuración interior, cos seus respectivos espazos de instalacións, almacéns e arquivos”, indica Infraestruturas. En total construiranse 13.147,73 m² que darán unha superficie útil de 12.172,93 m² para as novas dependencias da Xunta. O inmoble “configúrase mediante un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que conecta os distintos usos e niveis dando acceso os dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con arboredo”. Os novos edificios terán catro andares, dous sobrepasarán a cota de acceso principal que estará na Praza Camilo Díaz Baliño e os outros salvarán a pendente cara a Rodríguez de Viguri, rúa que tamén se está remodelando e contará cun carril bici.

Imagen recreando el proyecto previsto para San Caetano

Imagen recreando el proyecto previsto para San Caetano / Xunta

O interior de cada un dos bloques distribuirase lonxitudinalmente en dúas bandas funcionais. Cara ao sur haberá unha oficina aberta con fachada acristalada e lamas de formigón de compoñente vertical. Cara ao norte, contará con despachos pechados e salas de reunións, configurando unha fachada de formigón en branco, con ocos e miradoiros puntuais. A cimentación do edificio, explica Infraestruturas, resólvese mediante pilotes no muro oeste, zapatas corridas baixo os muros, zapatas illadas baixo piares e soleira ventilada. “Emprégase unha estrutura mixta de formigón armado (branco no caso de que quede visto) e aceiro”, engade. As cubertas principais, onde se aloxan elementos de instalacións nun dos seus laterais, resólvense cunha solución axardinada.

“Búscase tamén que a nova Cidade de San Caetano sexa un exemplo en canto a funcionalidade, condicións de traballo e eficiencia enerxética”, prosegue. Non será un edficio pasivo, pero case. No seu deseño prímase a eficiencia enerxética: Nearly Zero Building. “A xeración de enerxía é case autónoma e prevé unha instalación de xeotermia, así como paneis solares fotovoltaicos na cuberta”, indica o departamento que dirixe Ethel Vázquez.

O inmoble está tamén deseñado para ser un edificio máis seguro fronte á Covid-19, con espazos “cunha moi boa ventilación, polo que as unidades de tratamento de aire terán a capacidade de funcionar en modo ‘todo aire exterior’, é dicir, sen recircular aire”. Para acadar unha maior optimización nos espazos interiores e gañar en funcionalidade, e tamén para lograr unha mellora no aspecto exterior do novo edificio, cunha maior integración estética co complexo de San Caetano, realizaranse algúns axustes que non modifican o substancial da obra, nin o volume nin a capacidade do edificio. Ademais do axuste na fachada que quedará fronte ao actual complexo de San Caetano, destaca o proposto para a pérgola da Praza de Camilo Díaz Baliño, así como a maior apertura do patio do edificio cara á avenida de Rodríguez de Viguri. Tamén se mellorará o acceso ao aparcadoiro soterrado.

A obra, cun orzamento de 34,6 millóns de euros, permitiralle a Xunta aforrar 1,1 millóns de euros anuais que gasta en alugueiros para oficinas dispersas por toda a cidade. Infraestruturas resalta que os obxectivos que se buscan son os de “ofrecer un mellor servizo á cidadanía facilitando aos usuarios o acceso a uns servizos administrativos máis centralizados e contar cun espazo de traballo de maior calidade para os traballadores públicos”.