Descobren o terceiro petróglifo de armas da comarca no Roxido, en Santa Cristina de Fecha

O Colectivo A Rula xa puxo este achado en coñecemento da dirección xeral de Patrimonio, que debe protexer esta contorna

O petróglifo do Roxido, en Santa Cristina de Fecha, é un dos máis recentes que se produciu en Compostela.

O petróglifo do Roxido, en Santa Cristina de Fecha, é un dos máis recentes que se produciu en Compostela. / Ana Triñáns

A finais da pasada semana, Alfonso Conde, ciclista de montaña e colaborador co Colectivo A Rula, descubría a daba aviso dunha laxe, no Roxido (Santa Cristina de Fecha) no que se observaban unhas coviñas. Unha vez que se achegaron e estudaron a citada laxe os membros da Rula, orientada á divulgación e á protección da arte rupestre, descubriuse que máis alá das coviñas había unha “alabarda”, unha especie de machado, co mando longo e a punta perpendicular, o que verificaba que se trataba dun petróglifo de armas, o terceiro da comarca xunto ao Castriño de Conxo e ao Outeiro do Corno (Teo).

Luis Leclere, presidente do colectivo, explica para EL CORREO a importancia desta laxe. “É un moi bo indicador do cambio de era da idade do Cobre á do Bronce, cando xa se viaxaba porque na Idade do Bronce aumentan os desprazamentos para o comercio”, ademais “o lugar no que está o petróglifo permite avanzar nos por ques da ubicación deste elementos xa que está situado moi próximo ao conxunto rupestre do monte Espiñeira e ao petróglifo de Lavanquiños” (en Ames).

Leclere explica que a distribución deste tipo de arte “non é azarosa, están vinculados aos espazos habitados, nunha situación orográfica de comunicación entre os dous espazos”, en referencia a Espiñeira e Lavanquiños. Un achado “moi interesante dende o punto de vista global, xa que se repiten moitas pautas e están situados en lugares dende os que se pode observar o Pico Sacro”, conta Luís Leclere. “A comarca compostelá repite elementos relacionados con aliñacións astronómicas, como pode ser a saída do sol por detrás deste pico, por exemplo”.

O Colectivo A Rula puxo en coñecemento da dirección xeral de Patrimonio o achado deste petróglifo e insisten en que “se valore e se catalogue para que a lei poida protexelo e divulgalo”. Leclere critica que a Administración autonómica “abusa do silenzo administrativo e por iso nos centramos na divulgación, porque a outra opción sería acudir á xustiza”, e para isto é preciso tempo e diñeiro. “Criticamos que o conxunto do monte Espiñeira aínda non apareza no visor do Plan Básico, porque isto fai que estea en perigo, pola constante implantación de eólicos, por exemplo”.

Alén de investimentos ou edificios de interpretación, dende o Colectivo A Rula defende que se limpen os accesos aos monumentos rupestres porque “son museos ao aire libre e a súa divulgación, a súa visita, fai que se recupere tamén a contorna porque a maioría das laxes están en eucaliptais abandonados”.

Luís Leclere tamén defende o atractivo que este arte ten para o público xeral “porque o seu deseño é moi do gusto do ollo actual”, explica, cando menos entre os galegos, e puntualiza que incluso “hai xente que fala mesmo de que os petróglifos teñen un deseño moi orgánico”.

Petróglifos de armas

O Castriño de Conxo foi o primeiro petróglifo de armas localizado, aló polo 1935. É a estación máis importante da comarca e integrada no proxecto Compostela Rupestre, que inclúe un centro de interpretación planificado para Villestro. O descubrimento protagonizouno Ramón Sobrino, un dos maiores expertos no tema rupestre.O achado tivo unha importancia transcental, porque a presenza de armas permite unha mellor catalogación ao incluírse de facto na Idade do Bronce.

O outro petróglifo de armas da comarca, descuberto tamén por Sobrino aló polo 1949, o Outeiro do Corno, en Teo. Este gravado conta unha figura central case cadrada á esquerda da cal se observa unha arma, probablemente un puñal, en base ao pequeno tamaño da arma e coa punta cara a abaixo. Agora, O Roxido, completa a tríada.